Skip to main content

O FOP reafirma a súa defensa do Estatuto en nome dos xornalistas do Estado español

O Foro de Organizacións de Periodistas (FOP), reunido en Barcelona, acordou reafirmarse na defensa do Estatuto Profesional do Xornalista, que actualmente se tramita no Congreso dos Deputados como proposición de lei.

Nese sentido, as organizacións integrantes do FOP intensificarán os contactos cos representantes políticos de todo o arco parlamentario, para reiterar a necesidade de lexislar nun ámbito fundamental tanto para o exercizo da profesión como para a defensa do dereito de rectificación e de acceso ós medios por parte dos cidadáns.

O texto do estatuto foi proposto polas organizacións integrantes do FOP e asumido pola cámara lexislativa para a súa tramitación.

Entre os grupos que asumiron a proposta de estatuto profesional está a Federación de Asociaciones de la Prensa de España (FAPE). Esta organización decidiu abandonar o Foro de Organizaciones de Periodistas.

As demais organizacións desta plataforma unitaria coñeceron a decisión a través da páxina web da FAPE, que non comunicou formalmente o seu abandono.

Nos últimos meses, por mor das eleccións que comportaron un cambio na súa dirección, operouse un brusco xiro na traxectoria unitaria mantida pola FAPE durante os últimos dez anos.

O argumento esgrimido por dita organización para decidir a súa saída do Foro é dificilmente comprensible. A elaboración e aprobación no Foro de Organizaciones de Periodistas dun texto de Estatuto do Xornalista Profesional, foi o resultado dun amplo debate e consenso entre todas as organizacións que integran esta plataforma unitaria, incluída a FAPE. Foi remitido a todos os grupos parlamentarios e posteriormente tramitado por Esquerda Unida.

A interesada e burda manipulación da FAPE non pode senón interpretarse como unha torpe escusa para xustificar a súa decisión de abandonar o Foro, decisión inspirada por intereses non confesados. A FAPE sabe que o texto é un proxecto aberto que deberá incorporar no debate parlamentario as achegas e emendas que os grupos estimen oportunas para a súa aprobación co maior consenso posible. A vía das emendas está aberta tamén para eles, pese ó seu abandono do foro que representa ós xornalistas do Estado español.

O Foro de Organizaciones de Periodistas, como organismo unitario, segue aberto á busca de camiños comúns, e por iso convida ás asociacións da prensa a considerar a súa relación con esta plataforma.

O Foro de Organizaciones de Periodistas está integrado por:

Agrupación de Periodistas de CCOO

Agrupación General de Periodistas de la UGT

Col.legi de Periodistas de Catalunya-Colexio de Xornalistas de Galicia

Federación de Sindicatos de Periodistas

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia