O grupo Histagra recupera fondos xornalísticos inéditos do século XIX

Entre o material recuperado atópanse exemplares correspondentes a distintos números de La España Moderna, El Clamor Español, Tierra Libre, ou El Amigo del Pueblo. Tamén un exemplar de El Despertar Gallego e outro de La Zarpa, que forman parte do material legado por Marcelino Gómez e conservado polos seus descendentes. Ademais, recuperáronse dous exemplares de Aires del Miño e de El Eco del Condado, que aínda que non pertencentes ao legado de Gómez Arias, “son dous documentos escasos e importantes para a historia da comarca pontevedresa”, explican dende Histagra.
Xunto estas publicacións periódicas tamén se documentaron dous anuncios doutros tantos mitins celebrados en Arbo en 1923 e na Cañiza en 1923, respectivamente. Como explican os investigadores da USC, a recuperación foi posible grazas á colaboración da neta de Marcelino, Lucrecia, quen cedeu os orixinais para a súa posta a disposición de investigadores e persoas interesadas e moi especialmente a Perfecto Ramos, xa que “foi el quen recuperou a figura de Marcelino, a súa historia e as súas loitas, que plasmou na obra Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola república e o agrarismo”.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)