Skip to main content

O 4º Festival de Cine do Valadouro e Alfoz inclúe 7 proxeccións entre o 27 de febreiro e o 26 de marzo

O Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, achegouse á Casa da Cultura do Valadouro para presentar o 4° Festival de Cine. Xunto a el participaron tamén un representante do Seminario de Estudos do Valadouro, o Concelleiro de Cultura do Valadouro, Eduardo Chao, e o Tenente de Alcalde de Alfoz, Xabier Pardiñas.

O sábado 27 de febreiro, o Festival arrinca ás 19 horas na Casa da Cultura de Ferreira coa proxección do filme galego "Crebinsky", que conta no seu reparto, entre outros, con Miguel de Lira, Luis Tosar, Celso Bugallo, Yolanda Muíños ou Patricia de Lorenzo. E tamén se poderá ver “Formol 105”, unha curta de animación de 2015 ambientada nunha asfixiante funeraria do século XIX.

O 5 de marzo o Festival de Cine achegará a Alfoz á Casa da Cultura a partir das sete da tarde. “As San Lucas”, un documental de 2015 de Miguel García e Álvaro Liste que conta en qué consisten as festas das San Lucas de Mondoñedo. Pretende ser unha homenaxe a esa festa, que cumpre 860 anos neste 2016. E destinada ao público infantil, proxectarase “O pequeño mago”, unha cinta de 2012 que narra o asalto a un barco por parte duns piratas normandos.

Xa o 12 de marzo a Casa da Cultura de Ferreira acollerá a partir das 19:00 horas o pase de dúas cintas máis. “Eco”, un documental de 2015 con guión e dirección de Xacio Baño. E “A praia dos afogados”, un thriller de intriga de 2015 con Carmelo Gómez, Antonio Garrido, Tamar Novas, Celso Bugallo, Marta Larralde, Luís Zahera ou Carlos Blanco.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo