Skip to main content

Agadic financia 13 novos proxectos audiovisuais de guión, curtas e longametraxes

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación publica no seu web a adxudicación das subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, a través das que se distribúe un total de 145.000 euros entre 13 novos proxectos: cinco de escrita de guión, outros cinco de realización de curtametraxes e tres de longametraxes.

A Xunta de Galicia mantén así o seu investimento neste programa de axudas, pioneiro no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, que ten como prioridade impulsar o traballo dos novos valores galegos da creación cinematográfica. Segundo se especifica na convocatoria, o obxectivo é favorecer a xeración de novas propostas narrativas, o emprego do idioma galego no sector e o enriquecemento cultural do país mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

Longas de novos directores

No caso da categoría de longametraxes, subvenciónanse os traballos de tres realizadores que están comezando a súa traxectoria profesional neste formato cinematográfico: ‘Vilela ou a vida na montaña’, de Antón Corbal Ramón; ‘Porto desexado’, de Diana Toucedo Crespo; e ‘7 limbos’, de Berio Molina Quiroga. Cada un destes proxectos recibirá 30.000 euros para a súa produción.

Outros 25.000 euros repártense a partes iguais entre cinco propostas de escrita individual de guión. Os adxudicatarios son María Cora Peña Hernández con ‘A serpe, Babilonia’; Alberto Vázquez Rico, con ‘Unicorn Wars’; Jorge Alexandre Cancelo Parcero con ‘Lázaro’; Sonia Méndez Alonso con ‘A vida sutil’; e Xoel Méndez Pérez, con ‘Covada (Wu Xing#2. Terra)’.

Os 30.000 euros restantes distribúense entre outros cinco proxectos de realización de curtametraxes, que percibirán 6.000 euros en cada caso. Trátase de ‘Non durmas máis’, de Álvaro Fernández Fernández; ‘Nova Galicia’, de Iván Díaz Nespereira; ‘Fisterra, carne de safari’, de Olaia Sendón Ogando; ‘Cráneo de sonos’, de Antonio García Mejuto; e ‘Gravidade e luz’, de Carla Fernández Andrade.

A relación completa das contías e persoas beneficiarias desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia o 28 de decembro de 2015, está dispoñible para a súa consulta a través das seccións de axudas e avisos desta web.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia