O CGAI pon o foco nos cineastas Camilo Restrepo e Hugo Santiago en colaboración co festival OUFF de Ourense

Xunto á directora Andrea Franco, comisaria do seu foco, Camilo Restrepo (Medellín, 1975) será o encargado de presentar as dúas sesións que lle dedicará o CGAI mañá, ás 20.30 horas, e o xoves, ás 18.00 horas. A través delas, presentarase o seu traballo en diálogo co de outros autores cos que comparte intereses formais e de contido. Como o propio Restrepo, moitos deles forman parte da cooperativa L’Abominable, un laboratorio de cineastas situado nas aforas de París e no que se traballa fundamentalmente con celuloide, película Súper 8, 16 e 35 mm.
Nas películas de Camilo Restrepo, as imaxes amósanse como contidos que poden revelarse como verdadeiras armas políticas e que deben ser interpretadas para evitar a manipulación. Así, por exemplo, unha vertente destacada da súa obra céntrase en analizar as imaxes producidas no marco do conflito armado colombiano.
O mellor filme do cinema arxentino
Pola súa banda, o foco dedicado ao arxentino Hugo Santiago (Bos Aires, 1939) achegaralle ao público do CGAI a figura dun cineasta considerado de culto, cuxa obra se caracteriza pola profundidade e a rebeldía. Na Coruña, poderá verse ‘Invasión’, de 1969, fita con guión de José Luis Borges e Adolfo Bioy Casares, considerada por unha boa parte da crítica como a mellor película do cinema arxentino.
O filme proxectarase o venres 4, en sesión dobre ás 18.00 e ás 20.30 horas, mentres que o xoves 3, ás 20.30 horas, exhibirase ‘El cielo del centauro’ (2015), rodada tras o regreso de Hugo Santiago a Bos Aires despois de corenta anos en Francia. O foco complétase con ‘El teorema de Santiago’, documental centrado precisamente nesta volta do realizador ao seu país para a gravación de ‘El cielo del centauro’ xunto con un equipo case integramente composto por novos cineastas admiradores da súa obra.
Ciclos históricos
A carteleira novembro-decembro do Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe, ademais, dous ciclos históricos arredor do documental e a vangarda cinematográfica en Cuba e da irrupción do esperpento no cinema español. O primeiro deles ofrécese en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e coa Cinemateca de Cuba co obxectivo de amosar a evolución do xénero documental arredor da Revolución cubana.
Este especial desenvolverase todos os martes e mércores do 15 de novembro ao 14 de decembro, mentres que ‘Máis aló da adaptación: a irrupción do esperpento no cine español’ articularase arredor de diferentes sesións os días 17 de novembro e 1, 20 e 21 de decembro. Comisariado por José Luis Castro de Paz, este segundo ciclo busca poñer de relevo un cine español que, durante a posguerra, enfrontou o camiño cara á modernidade botando man de diferentes mecanismos para reflectir as súas circunstancias históricas e sortear a censura.
Durante esta nova programación bimestral do CGAI arrancará tamén un especial sobre Jim Jarmusch, que coincide coa estrea das súas películas ‘Paterson’ e ‘Gimme Danger’. Na primeira parte deste ciclo, que terá continuidade tras o Nadal, recuperaranse os primeiros filmes do cineasta estadounidense en copias dixitais.
Fóra de Serie
As fitas de Jarmursch enmárcanse, así mesmo, nunha das sección habituais da filmoteca galega: Fóra de Serie, que tamén incluirá dúas das películas máis prestixiosas e singulares do último ano. Trátase de ‘Ahora sí, antes no’, de Hohn Sang-soo, gañadora en 2015 do Leopardo de Ouro en Locarno, e ‘Homeland. Irak Year Zero’, de Abbas Fahdel, documental de case seis horas en que o cineasta iraquí filma a súa familia durante as semanas anteriores á guerra e xusto ao finalizar esta.
Este documental, que se presenta en colaboración con Numax, proxectarase igualmente na Biblioteca Pública Nodal de Ourense e no Auditorio Municipal de Vigo no marco da extensión da programación do CGAI nestas cidades grazas ao acordo cos cineclubs Padre Feijoo e Lumière.
A programación completa, así como a información sobre os horarios e a billeteira, pode consultarse no web www.cgai.gal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia