Localizadores de cine e televisión visitan os espazos arquitectónicos da Cidade da Cultura
A Cidade da Cultura recibiu unha visita dun grupo de profesionais de grupos de comunicación, produtoras e empresas do mundo do cine e da televisión interesados en coñecer os diferentes espazos arquitectónicos do Gaiás para valoralos como localizacións de futuras producións audiovisuais.O grupo participou nunha visita guiada especial organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia na que puideron explorar non só os espazos exteriores e interiores do complexo, senón outro tipo de zonas habitualmente non abertas ao público xeral, como a galería subterránea que comunica todos os edificios, a zona de caldeiras ou baixo cubertas.
A visita forma parte das xornadas ‘I+P, ideas para producir’ organizada pola Film Commission, o Concello de Santiago de Compostela e o Cluster Audiovisual Galego, e que inclúe no seu programa un percorrido por partes emblemáticas da capital galega. En edicións anteriores visitaron, por exemplo, a Catedral de Santiago ou o Pazo de Fonseca.
No grupo que participou nesta visita participaban representantes de Mediaset, RTPA, Canal #0, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Mod Producciones ouMusic Library, ademais do propio Clúster do Audiovisual Galego e a Film Commission.
A forza visual da Cidade da Cultura converte os seus espazos arquitectónicos en escenario habitual de rodaxes audiovisuais e proxectos fotográficos profesonais, como ten ocorrido neste mesmo ano con‘Sicixia’, a nova película de Ignacio Vilar, ou con firmas de moda como Pull& Bear.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia






