Agadic apoia a organización dos 15º premios Mestre Mateo do Audiovisual, o 4 de marzo

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Artes, presidente da Academia, asinaron o convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á realización de diferentes accións vinculadas á convocatoria dos Mestre Mateo. O momento culminante será a gala de entrega das estatuíñas, que este ano se adianta máis dun mes e terá lugar o 4 de marzo no Palexco da Coruña.
Ademais desta cerimonia, que será retransmitida por TVG, o programa de actividades da décimo quinta edición complétase cos Encontros Mestre Mateo de profesionais do audiovisual con estudantes das escolas galegas de imaxe e son, as Proxeccións Mestre Mateo para promover os traballos gañadores e candidatos, os actos de lectura e xuntanza de finalistas e a colaboración con outras academias e entidades do resto do Estado para difundir as obras premiadas fóra de Galicia.
Tal e como se recolle no documento asinado hoxe, o obxectivo deste convenio é impulsar a visibilidade social do labor desenvolvido polo sector audiovisual en Galicia durante 2016. Para isto, os Premios Mestre Mateo convocaron 25 categorías divididas en dúas modalidades: de produción e profesionais.
No mesmo convenio, recoñécese o traballo desenvolvido pola Asociación Galega do Audiovisual como impulsora e organizadora destes galardóns, que “poñen en valor a profesionalidade e calidade dun sector en auxe en Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia