Skip to main content

Os filmes Asasino e Zombiraxe, premiados no II Certame Findecurta

O xurado da segunda edición do maratón audiovisual ‘Findecurta’, programa ideado para contribuír á promoción do audiovisual galego e ao impulso de novos creadores en lingua galega, premiou a curtametraxe ‘Asasino’, do equipo de rodaxe Zihuatanejo, por realizar unha transposición comprimida e lisérxica da novela Dez Negriños de Agatha Christie, a cal, aparte dun premio en metálico de 500 euros, participará na 39ª Semana Internacional de Cine de Autor (Grupo Fonmiñá) onde competirá polo Premio á Mellor Curtametraxe galega.

O premio do público, un galardón que non conta con dotación económica, pero que, do mesmo xeito que o premio outorgado polo xurado, si que permite a participación da curta seleccionada na fase de competición da próxima edición da Semana Internacional de Cine de Autor, foi para o equipo 7Sentidxs Films, coa curtametraxe ‘Zombiraxe’.

O equipo de rodaxe Zihuatanejo estivo integrado por Andrés Haensel, Miguel Barros, Manuel Coria, Javi R. Gauna, Javier Granda, Vane Rivas, Marta Cardín, Sergio Barreira, Raquel Velasco e Liliane Claro. Pola súa parte, 7Sentdixs Films estivo formado por Iago López, Pepa Yáñez, Víctor Cantero, Anxos Garabana, Iván García e Mariela Acusse.

Todas as curtas resultantes do traballo e da creatividade das persoas que integraron os equipos que entraron a concurso compartiron varios elementos, segundo explicou o comisario de ‘Findecurta’. Bruno Máez sinalou neste senso que, independentemente do xénero (aventura, acción, terror, drama, musical, bélico, western...) determinado nun sorteo previo, as curtas presentadas a concurso tiveron a obriga de incluír unha personaxe (o arqueólogo/a Bernaldo/a Peiraio), un obxecto (un ouriñal) e a frase “Coma o mestre Cirilo, que cose de balde e pon o fío”. O xurado do maratón cinematográfico ‘Findecurta’, que este ano duplicou o seu numero de participantes, estivo integrado por Jorge Coira, Fina Calleja e Pablo Cacheda, que durante días avaliou a calidade dos traballos presentados.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela