Skip to main content

OUFF, o Festival de Cine de Ourense, reforza o compromiso co audiovisual galego

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) anunciou o programa da súa 22ª edición, na que, contando coa colaboración da Xunta, avanza na reestruturación de contidos iniciada o ano pasado cara a unha maior especialización no cinema iberoamericano e o reforzo da presenza do audiovisual galego. O encontro desenvolverase do 20 ao 27 de outubro arredor das súas seccións competitivas e espazos temáticos, que suman 65 filmes en cartel.

A Consellería de Cultura e Educación mantén o apoio económico ao certame no seu compromiso compartido coa difusión do cinema galego, tanto a través do programa de exhibición como de diferentes actividades paralelas que contarán coa implicación directa de profesionais galegos do sector. Así o explicou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, durante a presentación do 22º OUFF, que compartiu co alcalde Ourense, Jesús Vázquez Abad; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández; e o director artístico do festival, Fran Gayo.

O responsable da Agadic referiuse especificamente os cineastas galegos ou asentados en Galicia que forman parte da carteleira, como Diana Toucedo, Hugo Amoedo, Jaione Camborda, Héctor Carré, Aser Álvarez, José Manuel Mouriño ou Iván Nespereira. Fixo tamén referencia a Oliver Laxe, premiado na pasada edición do evento e que este ano amosará en Ourense as primeiras secuencias de Aquilo que arde, o novo filme que está a rodar nos Ancares lucenses e para o que conta cunha subvención da Agadic.

Foros de coprodución e postprodución

Sutil detallou, así mesmo, as accións de promoción do sector audiovisual galego e dos seus profesionais que o OUFF programa coa implicación directa da Axencia Galega das Industrias Culturais. En primeiro lugar, o III Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, un evento organizado pola Agadic e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA), que terá lugar o sábado 21 e que intensificará a súa actividade respecto ás edicións anteriores coa participación de 30 entidades e empresas de ambas as beiras do Miño.

Esta colaboración estendese á posta en marcha nesta edición do programa Áncora, un foro de postprodución que se abre tamén a Portugal. Del beneficiaranse catro proxectos cinematográficos, nunha fase de produción avanzada, que recibirán asesoramento e un impulso económico para contribuír á súa finalización nas mellores condicións posibles. Neste caso, cóntase ademais co patrocinio de Cinemar e Numax.

Por outra banda, en 2017 terá continuidade o programa OUFF Escola, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no seu labor de promoción do galego nas aulas a través do audiovisual.

Premio a Cine en Curso

Por último, Sutil mencionou a extensión dos contidos do festival á programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), a filmoteca da Xunta de Galicia, que os días 25 e 26 recibirá na súa sede da Coruña dous dos protagonistas dos focos desta 22ª edición: o realizador arxentino Mariano Llinás e a chilena afincada en Suíza Jeannete Muñoz. Neste punto, referiuse ao premio Cidade de Ourense que o OUFF ven de lle outorgar ao programa didáctico internacional Cine en Curso, que o CGAI coordina en Galicia desde os seus inicios.

A Agadic é unha das entidades colaboradoras do certame a través dun convenio de 35.000 euros asinado co Concello de Ourense, no que –ademais do devandito compromiso co cinema galego– se especifica a consolidación en 2017 das seccións competitivas do certame, que afondan tanto na súa especialización en cinema latinoamericano como na aposta por cineastas que encararan o reto do seu primeiro filme.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia