Cinco filmes integran a carteleira da mostra de cine que organizan Pazo de Mos
A Fundación Pazo de Mos e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) renovan a súa colaboración para o desenvolvemento da Mostra de Cine de Mos, que este ano ten lugar do 15 de outubro ao 25 de novembro no auditorio deste espazo pontevedrés.O filme francés de animación Ballerina abre o domingo 15 de outubro, ás 17,30 h., unha programación que se estenderá ata o 25 de novembro e na que se inclúen catro títulos de produción ou coprodución galega: 100 años de perdón, de Daniel Calparsoro, o 4 de novembro; Migas de pan, de Manane Rodríguez, o día 11; Sicixia, de Ignacio Vilar, o día 18; e María (y los demás), de Nelly Reguera, o día 25. Estes catro pases están programados para as 22.15 horas e, do mesmo xeito có do vindeiro domingo, serán de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
A Mostra de Cine de Mos insírese, á súa vez, no calendario de actividades culturais promovido mediante o protocolo de colaboración que manteñen este ano a Fundación Pazo de Mos e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ademais da Agadic, tamén achegan o seu apoio a esta oferta as secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.
De feito, con este ciclo cinematográfico péchase a programación que se vén desenvolvendo desde primeiros do mes de setembro e dentro da que se celebraron, así mesmo, os concertos de Susana Seivane e da Banda de Música de Forcarei. Tamén tivo lugar en Mos a actuación dos Bolechas a través da iniciativa FalaRedes da Rede de Dinamización Lingüística.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia






