O Foro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia desenvolve máis de 80 reunións na procura de proxectos conxuntos

O director da Agadic referiuse á consolidación desta iniciativa como “necesaria plataforma para afondar nas relacións entre os sistemas audiovisuais galego e luso, tanto no eido institucional como profesional”. “O impulso da relación cos axentes das industrias creativas e culturais de Portugal é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, engadiu Sutil.
Neste sentido, agradeceulles ás empresas participantes a súa positiva resposta á convocatoria da Agadic e do ICA, así como ao Concello de Ourense a súa colaboración á hora de desenvolver este evento dentro do seu Festival de Cine Internacional. “Situar esta xuntanza como unha actividade dentro do OUFF facilítanos a posibilidade de sumar esforzos para a proxección internacional do noso cinema e implica activamente á Xunta na filosofía do festival de lle sumar á carteleira de proxeccións sinerxías de traballo dinamizadoras do sector audiovisual en toda a súa extensión”, concluíu.
Empresas asistentes
Ademais dos representantes institucionais, este terceiro encontro de coprodución está a propiciar o intercambio entre 15 entidades galegas e 12 portuguesas. Pola banda galega, participan a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Adiviña Producións, Agallas, Cinemar, Control Z, CTV, Ficción Producciones, Ollo Vivo, Portocabo, Recrea, Sr. Pause, Vía Láctea Filmes, Voz Audiovisual, Walkie Talkie Films e Televisión de Galicia (TVG).
Desde Portugal desprazáronse ata Ourense os representantes de Anexo 82, Animais AVPL, David&Golias, Jumpcut, Lightbox, Lx Filmes, Mares do Sul, Original Features, Stopline Filmes, Take 2000, Zulfilmes e Radio Televisão de Portugal (RTP).
Os participantes chegan a este foro tanto con proxectos cinematográficos como televisivos en fase de desenvolvemento, que están a ser postos en común nas roldas de reunións na procura de novas oportunidades de financiamento. O obxectivo último é a coprodución de produtos audiovisuais que, ademais da colaboración económica, implique tamén o intercambio de profesionais técnicos e artísticos entre ambas as beiras do Miño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia