A USC imponlle a Insignia de Ouro a Michèle e Armand Mattelart no marco do Congreso de Agacom

A proposta de outorgamento deste recoñecemento realizada pola Facultade de Ciencias da Comunicación subliña a influencia destacada do pensamento dos Mattelart na modernización dos estudos de comunicación na España das últimas dúas décadas do século XX “e, sobre todo, na orixe e desenvolvemento da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC”.
Michèle e Armand Mattelart participan en Compostela no I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM) que se celebra co lema ‘Alén das fronteiras: redes de diversidade’ e cuxa inauguración presidiu este luns o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, xunto a quen tamén interviñeron o decano da Facultade, Xosé R. Pousa; o presidente da asociación, Francisco Campos; e a catedrática Margarita Ledo.

Pola tarde, será a quenda da presentación simultánea de comunicacións que se organizarán en torno a sete grupos temáticos: historia da comunicación; estrutura, medios e soportes da comunicación; publicidade, relacións públicas e comunicación organizacional; teorías, métodos e técnicas de investigación da comunicación e da recepción dos medios; políticas da diversidade e discursos de xénero; cibercomunicación e cultura dixital; e miscelánea doutros.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)