Apoio á promoción internacional de dez filmes galegos en distintos festivais de cine de prestixio

A Agadic publica no seu web a segunda e última adxudicación ao abeiro desta convocatoria, coa que completa, ademais, a concesión do seu programa anual de subvencións ao audiovisual galego, dotado con 2,49 millóns de euros para distribuír entre cinco liñas de apoio: produción e coprodución audiovisual, promoción do talento, desenvolvemento de proxectos, organización de festivais e a devandita de promoción en certames internacionais.
A través destas últimas axudas, a Xunta colaborou este ano con Zeitun Films nas accións de difusión de Mimosas, o premiado filme de Oliver Laxe, nos festivais IFF de Rotterdam (Holanda) e BAFICI de Bos Aires (Arxentina), e da curtametraxe Tsweesh, de Feyrouz Serhal, no de Locarno (Suíza).
Óperas primas
Nos tres devanditos certames presentáronse, ademais, outros tantos títulos galegos, apoiados mediante esta convocatoria. É o caso das curtas Fajr, de Lois Patiño, en Rotterdam; Plus Ultra, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, en Locarno, e a ópera prima de Andrés Goteira, Dhogs, na súa estrea en Bos Aires.
Como esta última, que tamén contou con apoio para a súa estrea estatal no festival de cine fantástico de Sitges, foron subvencionadas outras tres películas que supoñen o debut dos seus directores na realización de longametraxes: A estación violenta, de Anxos Fazáns, e o documental Os fillos da vide, de Ana Domínguez, ambas estreadas no Festival de Cine Europeo de Sevilla, e Nocturno, fantasmas de mar en puerto, de Álvaro F. Pulpeiro, no FIC de Xixón.
Por último e xunto con Plus Ultra, que volve figurar nesta listaxe con motivo das súas seleccións nos certames de San Sebastián e Mar del Plata (Arxentina), outra curta do tándem Girón-Delgado, Montañas ardientes que vomitan fuego, dispuxo de axuda para a súa participación no Karlovy Vary Internacional Film Festival, da República Checa, mentres que El paisaje está vacío, de Carla Andrade, viaxou ata o Zinebi de Bilbao para documentais.
As produtoras recibiron contías que oscilan entre os 1500 e os 2500 euros que destinaron, entre outros gastos, a campañas de publicidade da participación nas devanditas mostras internacionais, elaboración e transporte do material de promoción específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia