Skip to main content

O produtor de La isla mínima abre o novo ciclo de Parladoiros Audiovisuais

José Antonio Félez, produtor da premiada La isla mínima, entre outras coñecidas películas, será o protagonista este venres 23 en Santiago da primeira sesión dos Parladoiros Audiovisuais, un novo ciclo que pon en marcha a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do seu programa de formación continua Galicia ProFilme.

Este parladoiro inaugural, programado ás 12,00 h. na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, consistirá nunha charla-master class con José Antonio Félez, de Atípica Films, quen compartirá cos asistentes a súa experiencia á fronte de grandes producións audiovisuais, como a recente serie La peste, de Movistar+, dirixida por Alberto Rodríguez. O convidado será presentado polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e a charla será conducida e moderada polo produtor, director, escritor e músico Antón Reixa.

Os Parladoiros audiovisuais incorpóranse ao programa Galicia ProFilme da Xunta co obxectivo de poñer en contacto a profesionais do sector audiovisual galego e estudantes de Comunicación Audiovisual con expertos de referencia, tanto estatal como internacional, en diferentes ámbitos desta industria.

O seu primeiro convidado é un excelente exemplo de produtor vocacional e do seguimento do talento. Ao seu traballo débese a consolidación de directores como Alberto Rodríguez, co que Atípica Films produciu La peste, El hombre de las mil caras, La isla mínima e Grupo 7, e Daniel Sánchez Arévalo en La gran familia española, Primos e Azuloscurocasinegro, entre outros. Tamén é o responsable da produción da comedia Tenemos que hablar, de David Serrano; El Bola, de Achero Mañas, ou La fuga, de Eduardo Mignogna, citando só algúns dos arredor de trinta títulos que figuran na súa ampla traxectoria.

A entrada para esta sesión é libre ata completar a capacidade da sala.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia