Skip to main content

Concha Castroviejo. Arelas de liberdade, creación audiovisual gañadora do II Premio Xohana Torres

O xurado destacou a calidade e guión do traballo, as entrevistas realizadas, a incorporación de datos biográficos que supoñen un recoñecemento histórico e polos propios méritos creativos, técnicos e documentais da obra. O Premio Xoana Torres é unha iniciativa recuperada en 2017 con motivo do Día Internacional das Mulleres polo Concello de Santiago coa colaboración da USC orientado á recuperación da memoria histórica das mulleres de Compostela.

No acto de entrega, Aurora Marco recoñeceu que o traballo realizado xunto co seu fillo busca a posta en valor “da entrega das mulleres pola loita feminista” ao mesmo tempo que definiu a Concha Castroviejo como unha muller con “moito talento”. Pola súa banda, Pablo Ces agradeceu a convocatoria “dun premio tan necesario como oportuno, porque o cambio que debe producirse facémolo entre todos e todas”.

Pola súa banda, a asesora da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC Marta Carballo sinalou que o galardón enmárcase “na intensa axenda feministas destas datas” e reivindicouno como clave para “a recuperación da voz das mulleres que escribiron a historia e foron silenciadas”. Finalmente, o alcalde Martiño Noriega definiu a obra premiada como “un agasallo que reivindica a figura de Castroviejo e da cidade”.

Xurado 2017

O Xurado encargado de valorar as obras presentadas a esta segunda edición do Premio conformárono a concelleira Marta Lois González; a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva Domínguez; a profesora da Facultade de Filoloxía Elvira Fidalgo Francisco; o director do Departamento e Historia da Arte, Juan Monterroso Montero; o catedrático da Facultade de Filoloxía, Fernando Cabo Aseguinolaza; o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Enrique Castelló Mayo; o xefe do Gabinete de Comunicación da USC Lois Celeiro Álvarez; e Amparo Verdú Didalgo.

Bases 2018

Nesta edición 2018, ao igual que nas pasadas, ademais de estar dirixido a ensaios literarios ou científicos, mais tamén a traballos audiovisuais que teñan como finalidade explorar a historia social e política das mulleres compostelás, o premio ábrese á participación de calquera persoa de Galicia. Con estes obxectivos, que pasan por recoñecer, valorar e impulsar todo tipo de traballos científicos, literarios e audiovisuais que recuperen a historia social e política das mulleres compostelás, convócase a terceira edición do Premio Xohana Torres.

Os traballos que se presenten ao Premio tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poderán ser ensaios literarios ou científicos ou pezas audiovisuais e sempre se referirán a mulleres compostelás. O prazo de presentación remata o 31 de decembro.

Xohana Torres

Poeta, dramaturga e novelista, naceu en Santiago de Compostela en 1931. A súa infancia e mocidade transcorreron en Ferrol, onde foi alumna de Ricardo Carvalho Calero, con quen se inicia no coñecemento da literatura galega. Comezou a publicar poemas nas revistas Aturuxo, Vida Gallega e Vieiros, e no ano 1958, recibiu o primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. A súa obra poética mereceu tamén o Premio da Crítica Española (1981).

Como dramaturga é autora das obras Á outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre río (1968), esta última Premio Castelao de Teatro. No ano 1971 publica a novela Adiós María, gañadora do Premio de Galicia do Centro Galego de Bos Aires. No ano 1992 foi galardoada co Premio á Creación Feminina, instituído pola Xunta de Galicia. Autora tamén de obras de literatura infantil e tradutora, Xohana Torres obtivo o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña polo seu ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos e, no ano 1972, recibiu o Pedrón de Ouro polo seu continuado labor en prol de Galicia.

Como recoñecemento á súa obra, o 15 de febreiro de 2001 foi proposta polos académicos Salvador García Bodaño, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande para ocupar a vacante na Real Academia Galega que correspondera ata daquela a don Aquilino Iglesia Alvariño, logo do cal ingresou como académica numeraria o 27 de outubro de 2001 cun discurso titulado "Eu tamén navegar".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia