Skip to main content

Cope Galicia celebra o seu 50º aniversario avalada pola confianza da audiencia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o papel dos medios de comunicación en xeral e de Cope en particular para ofrecer referencias, exemplos e modelos e aprender do que facemos e do que somos.

Durante o acto de celebración do 50º aniversario de Cope Galicia, Feijóo destacou así a traxectoria desta emisora avalada e certificada pola confianza da audiencia. Non en van, lembrou que nos seus arquivos sonoros están as voces dun pobo que protagonizou unha epopea descomunal: “En cinco décadas, un breve suspiro en termos históricos, os galegos abandonan o atraso e instálanse no futuro da man das súas empresas, dos seus centros de investigación, das súas universidades, e tamén en compañía dos seus medios de comunicación”, aseverou, ao que engadiu que non se forma parte de Galicia durante medio século sen un esforzo de adaptación constante, sen unha atención precisa á evolución do país, nin tampouco sen a humildade suficiente para entendelo.

Nesta mesma liña, subliñou que cada periodista da canle sente o peso dos seus colegas de antano e de millóns de oíntes que se sentiron libres coa radio. “Cada periodista é herdeiro dunha reputación acumulada durante medio século”, dixo, incidindo en que a verdade é imprescindible para que a democracia non esmoreza.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando que, lonxe de ser hoxe a única protagonista, a familia da Cope preferiu acompañarse nesta ocasión especial da sensibilidade social da Fundación Barrié, do arraigo de Gadisa, da humanidade de Cáritas Galicia, da solidariedade da Provincia Franciscana de Santiago, e do espírito de superación de David Cal. “Neses valores atopamos a clave desa sintonía tan duradeira e ininterrompida da Cope e de Galicia”, sentenciou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia