Skip to main content

Xosé Lois García presenta en Monterroso os seus tres últimos libros

No soño dos ollos

Esta obra, editada por Edicións Fervenza, componse duns corenta poemas, ilustrados –todos eles- por delicadas e sinxelas obras a cargo da ilustradora vilalbesa María Guerrero.

No soño dos ollos, érguese como un poemario desvergoñadamente onírico, que gusta de reter entre as mans a esencia da nai terra, concibida coma unha trindade cósmica, ou coma tres vértices precisos e preciosos nos que o autor espreita, experimenta e compón. Velaí que nese triángulo fiquen o tempo, a substancia identitaria e totémica da Matria e o panteísmo absoluto (todo é sagrado no que nos arrodea). Alén dos temas e motivos que moven e conmoven –tanto ao autor como a quen le– este libro de poemas carrexa unha esencia metafísica que profunda no porque das cousas, e sucumbe nunha “cosmovisión non monoteísta” do orbe.

Obras teatrais

Neste mesmo acto, presentaranse as dúas últimas obras teatrais de Xosé Lois García, trátase de “O proceso a Lucía Fidalgo” e “Auto do demo e da viñateira”.

“O proceso a Lucía Fidalgo” recrea nun ambiente semimáxico os momentos tráxicos da vida de Lucía Fidalgo, dende a súa violación con trece anos á morte da súa nai e os procesos aos que a someteron por “bruxería”. Localizada no seu contexto histórico –o século XVII– e, ao tempo, nun ambiente mítico, nunha paisaxe real pero cargada de simbolismo e fantasía, reivindícase a singularidade cultural galega, eses mundos máxicos construídos polo pobo galego dos séculos escuros para transcender a realidade material de desigualdade e pobreza de gran parte da poboación, sen esquecer que no século XVIII a dispoñibilidade de producións agrarias vaia deixando atrás os meirandes pesares.

A peza de Xosé Lois García combina a documentación histórica rigorosa nunha localización real cun ambiente imaxinario no que conviven tradicións populares e imaxinacións do autor. Todo isto constitúe unha peza tráxica contada con certo humor e cunha dramaturxia viva, rica e imaxinativa.

Por outra banda está “Auto do demo e da viñateira”, un breve caderno teatral que se ambienta nun enclave único, o mosteiro románico de Pesqueiras, en Chantada, para dramatizar o encontro entre unha viñateira e o demo e como a primeira desconfía da veracidade das historias que “o demo” lle conta pois, se a súa propia natureza é ser o demo –quen di ser-, como é posible que poida entrar no mosteiro?

O autor

Xosé Lois García, naceu en Lugo o 22 de abril de 1945. Criouse na parroquia de Merlán (Chantada). Aos vinte anos pasou a vivir a Barcelona, traballando como operario metalúrxico. Estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas de Barcelona que, mais tarde, abandona para ingresar na Universidade de Barcelona, onde se licenciou en Filosofía e Letras (Historia Contemporánea).

Profesor, fundador e director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) e responsábel do Patrimonio Histórico. Desenvolveu diversos labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Conferenciante, articulista en varias publicacións na Galiza, España e o estranxeiro. Columnista semanal do xornal, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Sermos Galiza, entre outros.

Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre simboloxía románica da Ribeira Sacra. Como poeta ten publicado mais de trinta libros. Recoñecido como un dos mais importantes especialistas da literatura de expresión portuguesa en África e destacado divulgador da lusofonía, antólogo e tradutor.

Editorial Fervenza