Os XXV Premios de Publicidade en Galego incorporan un galardón extraordinario para centros educativos

Recoñecemento á promoción do uso do galego desde a publicidade
Estes premios recoñecen accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017. O prazo de inscrición na convocatoria estará aberto ata o 11 de outubro de 2018 e os premios entregaranse no mes de novembro deste ano, coincidindo coa celebración da galeguidade empresarial e as bases e toda a información xa están dispoñibles no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).
Nas categorías de radio, televisión, Internet e prensa escrita establécense dúas modalidades de premio: para a empresa anunciante e para a axencia de publicidade autora do anuncio. O premio extraordinario busca recoñecer os traballos realizados polo alumnado dos centros educativos especializados nalgunha das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade durante o curso 2017-2018. Estes centros deberán formalizar tamén a folla de inscrición.
Ata o ano 2016 os Premios de Publicidade en Galego viñan sendo convocados polo Consello Asesor de RTVE-G e da Corporación da RTVG, agora disolto. Desde 2017, son convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, coa colaboración do Parlamento de Galicia e do Foro Enrique Peinador.
Proxectos e empresas gañadoras da pasada edición
Na pasada edición dos Premios de Publicidade en Galego resultaron gañadores, na categoría de televisión, o traballo “Imposible sen ti”, da axencia Tex 45 Producións SLU, por encargo de Abanca Corporación Bancaria, SA. O premio da categoría de radio foi para o anuncio “Medo a quedar sen datos”, da axencia Bap&Conde, para R Cable e Telecomunicacións Galicia, SA. Na categoría Internet resultou galardoado o anuncio “A túa compra, os teus temazos”, da axencia Nasas, axencia creativa de márketing online, elaborado por encargo de Gadisa Retail, SLU. O xurado declarou deserto o premio á categoría de prensa escrita porque o traballo presentado non se axustaba ás bases da convocatoria.
Parlamento de Galicia