A obra do fotógrafo galego Baldomero Pestana regresa a París, onde retratou a García Márquez, Man Rey ou Polanski
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/baldomeropestana.jpg)
Á inauguración de Baldomero Pestana, a verdade entre as mans, na sede do Instituto Cervantes de París, asistiu unha delegación galega encabezada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañada pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, familiares e custodios do legado de Baldomero Pestana, Carmen Rico Coira e Antonio Polín, e a co-comisaria, a historiadora Chus Villar. O acto contou coa presenza e intervención do director desta institución na capital francesa, Javier Muñoz, e do agregado cultura á Embaixada de España en Francia, o galego Roberto Varela.
Na súa intervención, o titular de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia salientou que a colaboración co Instituto Cervantes na exposición “máis completa” sobre Baldomero Pestana (Castroverde, Lugo 1917- Bascuas, 2015) permite non só “recatar esta obra para a memoria artística e Galicia”, senón divulgala no resto de España e en países que forman parte da súa biografía como Francia ou Arxentina, xa que a próxima itinerancia prevista, tras a clausura en París, será Buenos Aires.
Importancia de París na obra de Pestana
No entanto, o titular de Cultura da Xunta incidiu no relevante desta mostra en París por ser “esta cidade —xunto con Lugo— a máis importante da traxectoria vital de Baldomero Pestana”. Neste senso, Román Rodríguez recordou na súa intervención que o fotógrafo de Castroverde e a súa muller, Velia, chegaron a París en plena efervescencia estudantil que estalaría no Maio do 68, a cidade volveu converterse, como a principios do século XX, na capital cultural e artística do mundo. O traballo de Pestana, ao principio, tivo que ver co fotoxornalismo e nesta cidade publicou reportaxes para La Nación. Mais tamén logrou incrementar a súa galería de retratos, pois, en efecto, se hai unha cidade onde nesa época se podía facer retratos de persoeiros da cultura e artistas, sobre todo latinoamericanos, era París. Alí vivían Eielson e Ribeyro e Bryce e Hinostroza, entre outros moitos.
En París retratou a españois como Fernando Arrabal e foi nesta cidade onde fotografou a Gabriel García Márquez , Carlos Fuente, Polanski, Man Ray ou a Bryce Echenique. Durante estes anos tamén se ocupou da súa outra gran paixón: o debuxo, coincidindo co gusto da moda polos hiperrealistas e o que se chamou despois fotorrealistas.
A importancia de París na biografía de Baldomero Pestana tamén o é desde o punto de vista persoal. En París está ata que morre a súa muller Velia, e o seu falecemento determinou que abandonase a capital francesa e tomar a decisión, como dicía sempre, de pechar o círculo e regresar a súa terra, Galicia, da que se foi sendo un cativo, e onde faleceu en 2015.
Percorrido pola xeografía vital de Pestana
A mostra —que reúne preto dun cento de fotografías, documentos de traballo e unha escolma de obxectos persoais— pon en valor a un mestre da cámara que, a pesar da notoriedade que acadou en vida, especialmente en Perú, era aínda un descoñecido para o gran público.
Un inxusto esquecemento ao que a Xunta de Galicia –a través da Fundación Cidade da Cultura– e o Instituto Cervantes queren poñer fin aproveitando a proxección do Museo Centro Gaiás e a rede de centros do Instituto Cervantes no exterior. Así, despois de iniciar o seu percorrido o pasado mes de febreiro en Madrid e pasar pola Cidade da Cultura ata o 2 se setembro, as fotografías de Pestana viaxan a París, onde se exhiben desde hoxe ata o 14 de decembro.
Colaboración co Cervantes
Neste senso, o conselleiro recordou que esta exposición segue a liña de proxectos conxuntos entre a Cidade da Cultura e o Instituto Cervantes como a mostra José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, “que permitiu promover un maior coñecemento doutro fotógrafo xenial descoñecido para o gran público”.
Desta forma, puxo en valor que con Baldomero Pestana, a verdade entre as mans “a Xunta continúa a traballar na recuperación do legado de galegos que construíron na diáspora unha obra memorable, que nos lembran que Galicia esténdese alén do Atlántico e a tantos territorios de Europa e América cos que seguimos conectados”, concluíu.
Xunta de Galicia