Skip to main content

A erregueté | Revista Galega de Teatro celebra 35 anos cunha presentación na sede de Cántigas da Terra na Coruña

O vindeiro sábado 15 de decembro, ás 19:00, terá lugar na Coruña a presentación da erregueté | Revista Galega de Teatro no local de Cántigas da Terra (Ramón Cueto, 31, Monte Alto), coa presenza de Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso, directora e subdirector, respectivamente, da que, na actualidade, é a única publicación galega especializada en teatro.

No acto, o Cadro de Teatro de Cántigas da Terra fará unha lectura de fragmentos de Arquivos de Realidade, obra de Francisco Oti e Julio Fer publicada pola erregueté no seu número 94 e que obtivo unha mención de honra no Premio Abrente da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2015. Unha peza que recolle elementos da historia, da xeografía galega, do noso pasado recente, para presentar unha peripecia colectiva e ao mesmo tempo familiar, que ben podería ser o reflexo de calquera sociedade do mundo desexosa e convencida de que a memoria, a reparación e a construción de valores cívicos é unha tarefa prioritaria, inescusable e un dereito básico.

A erregueté | Revista Galega de Teatro, que vén de cumprir 35 anos no pasado mes de novembro, é a única publicación periódica que ten como obxecto o teatro galego. Conxuga información, creación, divulgación e estudo e, así, publica críticas, reportaxes, crónica de festivais, recensións de libros, ensaios sobre un determinado aspecto relacionado coas artes escénicas… Nestes trinta e cinco anos, a erregueté recibiu varios premios entre os que salientan o Premio Xiria ao Labor Teatral (1993), a Medalla da Asociación de Directores de Escena de España (2006), a Medalla CELCIT (2010), os premios FEGATEA (2010) e Mácara (2011) o Premio de Honra Abrente da MIT Ribadavia (2013) ou o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (2016).

Con cada número, a revista edita un texto dramático orixinal. Ao longo destes anos, a nómina de autores publicados inclúe autores galegos de todas as xeracións como Fernando Osorio del Campo, Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Dorotea Bárcena Euloxio R. Ruibal, Jenaro Mariñas del Valle, Luísa Villalta, Xesús Pisón, Lino Braxe, Cándido Pazó, Gustavo Pernas Cora, Raúl Dans, Santiago Cortegoso, Rubén Ruibal, Clara Gayo, Fernando Epelde ou AveLina Pérez, ademais de textos de dramaturgos portugueses (Abel Neves, Ricardo Cabaça, José María Vieira Mendes, Marta Freitas, Jorge Palinhos, Joana Craveiro…), españois (Juan Mayorga, Iztiar Pascual, Ernesto Caballero, Jerónimo López Mozo, Paloma Pedrero…), cataláns (Carles Batlle, Josep María Miró i Coromina, Lluisa Cunillé, Carles Mallol…), franceses (Michel Azama), croatas (Asja Srnec), canadenses (Suzanne Lebeau, Wajdi Mouawad)…

O Coro Cántigas da Terra naceu na Coruña en decembro de 1916, nun contexto de explosión cultural e galeguista, coincidindo co nacemento das Irmandades da Fala, que trataron de potenciar a cultura e a lingua do país. Axiña creou no seu seo o “Cadro de Declamación” que, baixo a dirección de Leandro Carré, estreou pezas de Henrique Labarta, Lugrís Freire ou o propio Carré e que contou coa colaboración de Antón Vilar Ponte, Eladio Rodríguez, Camilo Díaz Baliño ou Perfecto Feijoo. Durante os máis de cen anos da súa historia, tivo que facer fronte a numerosas vicisitudes mais sempre mantivo a defensa da cultura e a lingua galegas como base da súa actividade.
erregueté | Revista Galega de Teatro