As historias do audiovisual en Galicia protagonizan os Papeis da Academia 2018

Outro tema de portada é a conversa que Brais Romero mantén con tres investigadores que comezaron a súa labor académica nesta década: Marta Pérez, Isabel Sempere e Iván Villarmea, na que falan de identidade, subsistencia, difusión e, sobre todo, cinema galego. A esta entrevista súmanselle tamén voces como a de Adrián Estévez, un dos membros máis activos da Galipedia, que nos fala sobre o funcionamento e normas que rexen a información que atopamos na wiki sobre o audiovisual galego, un álbum de momentos históricos do audiovisual galego contemporáneo e un concurso online para que todo o mundo poida poñer a proba os seus coñecementos sobre o audiovisual.
A actualidade vén marcada polas palabras de Melania Cruz e Iván Marcos, gañadores dos Mestre Mateo deste ano á mellor interpretación protagonista e actores que prometen unha carreira máis sólida e interesante nos próximos anos. Tamén haberá un lugar para o que está por vir cun repaso ás rodaxes e estreas de cine e televisión que se esperan para o 2019, un repaso aos filmes con talento galego pasaron con éxito por festivais internacionais centrados en vertentes ben diferentes do cinema e o mellor que puidemos ver nos que celebramos en Galicia.
E, por suposto, as crónicas multimedia dos Premios Mestre Mateo e María Luz Morales, da Semana das Músicas do Audiovisual (SEMUA), do encontro "Lugares en común para a educación e o audiovisual", o Gifaton e máis doutras actividades que desenvolveu a AGA neste ano xa case pasado, así como unha entrevista a Miriam Devesa, coordinadora de proxectos da Academia.
Os Papeis da Academia contan co patrocinio do Concello da Coruña e coa colabroación da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo.
Academia Galega do Audiovisual