Skip to main content

No país do Nunca Máis

No acto participan Víctor Freixanes, Xurxo Souto, Suso de Toro, Manolo Rivas e Xurxo Lobato.
O naufraxio do Prestige, o 13 de novembro do ano 2002, conmocionou profundamente á sociedade galega. Poucas veces un suceso mobilizou dun xeito tan masivo a poboación como a catástrofe do petroleiro, cargado con máis de 50.000 toneladas de fuel fronte ás costas de Fisterra. A ameaza dunha nova e terrible marea negra, de consecuencias moi superiores a outras que as nosas praias xa padeceran (Polycommander, Urquiola, Andros Paria, Erkowit, Cason, Mar Exeo...) alarmou dende o primeiro momento as xentes do país, tanto os directamente afectados coma outras capas de poboación, mozos e vellos, promovendo un movemento de acción social sen precedentes. Voluntarios de toda España e de diversos puntos de Europa acudiron espontáneamente ás nosas praias para axudar, de primeiras con recursos moi escasos, na defensa contra a contaminación.
Os acontecementos que sucederon entre os primeiros días da catástrofe e a definitiva ruptura do buque, afastado por decisión gubernativa a 120 millas do noso litoral, logo dun periplo de ideas e reviravoltas, e a política das autoridades, chea de confusión e inseguridade, provocaron unha enorme tensión na que se viu implicada prácticamente toda a sociedade galega. Daquela naceu o movemento Nunca Máis, reacción dunha Galicia viva fronte ao que consideraba unha mostra máis do secular abandono.
Un libro que é o relato gráfico e testemuñal deste movemento, dende a súa creación ata as últimas manifestacións en Bruxelas.
Xurxo Lobato reconstrúe nestas páxinas a crónica dos acontecementos. Un ano de fotografías, algunhas delas realizadas para La Voz de Galicia, xornal ao que agradecemos especialmente a súa colaboración.
Manuel Rivas e Suso de Toro, quizáis os máis destacados líderes da movilización social, acompañan as imaxes con respectivos textos, o primeiro deles escrito especialmente para esta publicación. José Saramago, Anxo Quintana, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Reixa, Rosa Aneiros, Antón Losada, Xurxo Souto, Xavier Queipo, Mario Benedetti colaboran, entre outros, nestas páxinas con testemuñas de solidaridade ou comentarios escritos para a ocasión.
O Grupo Prisa e o Diario El País concederon a Xurxo Lobato o Premio de Fotoxornalismo Ortega y Gasset pola reportaxe gráfica da catástrofe, crónica dun suceso certamente extraordinario que esperemos que non volva a suceder Nunca Máis. Editorial Galaxia inaugura con este título unha nova colección: Documento e Noticia.
Editorial Galaxia