A obra 'Galegas en Cuba' pon en valor e réndelle tributo ao papel da muller na emigración

O secretario xeral da Emigración recordou “as moitas institucións nacidas arredor do Centro Galego da Habana, desde as que se abordaron numerosas empresas sociais, educativas ou sanitarias coas que superar, desde a colectividade, as necesidades derivadas da emigración”. “É así como nace Hijas de Galicia, a grande institución social que segue existindo hoxe en día, epopea da muller galega na emigración e exemplo da nosa capacidade de asociacionismo e integración nas sociedades de acollida, así como dos grandes valores que o noso pobo foi quen de espallar polos cinco continentes. En definitiva, orgullo máximo que cómpre sempre desvelar”, concluíu.
Tamén participaron no acto a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; a consulesa xeral de Cuba en Galicia, Yahima Martínez Millán, e o músico e compositor Roi Casal, autor e promotor do proxecto galego-cubano Son galego, son cubano e do roteiro Descubrindo a Habana galega.
Memoria da emigración
A publicación visibiliza a historia da asociación cubana Hijas de Galicia, xurdida en 1914 da necesidade de protexer a muller galega emigrada que chegou á illa e que congregou ata 58.000 socias no ano 1960. O autor, Julio César González, neto dunha filla de Galicia, testemuña a memoria dunhas mulleres e duns homes que construíron Galicia desde a emigración, unhas persoas que, así mesmo, forman parte da historia de Cuba e da súa capital, A Habana, polas diversas iniciativas e institucións sociosanitarias que promoveron, entre as que destacan o hospital Hijas de Galicia, probablemente a primeira maternidade de América, no barrio habaneiro de Luyanó.
Xunta de Galicia