Skip to main content

Os Bolechas: 20 anos en Galicia e 5 na Televisión Pública de Portugal (RTP)

Este quinto aniversario na RTP coincide con outra celebración moi especial: o 20 aniversario dos Bolechas. Non podía imaxinar Pepe Carreiro no ano 2000, cando publicou a primeira historia, que a súa familia se convertería nun éxito sen precedentes para a cativada galega e nun referente cultural. Desde aquela primeira historia van máis de 650 títulos publicados, ademais de numerosos produtos audiovisuais e dixitais, espectáculos, pasacalles e infinidade de actividades didácticas específicas para o alumnado de educación infantil e primaria de Galicia.

Diversión e aprendizaxe

Se algo caracteriza os Bolechas é a singular combinación dunha proposta lúdica e de interese para a infancia cun carácter pedagóxico implícito en todas as súas propostas. Este éxito queda patente en cada unha das propostas dos Bolechas dentro e fóra da nosa comunidade onde continúan sumando fans que os seguen co mesmo cariño e interese do primeiro día. Para rememorar os clásicos e gozar das novas propostas, os Bolechas preparan unha chea de sorpresas neste 20 aniversario.

A primeira foi a reedición de catro das primeiras historias nun libro que inclúe un código de descarga para escoitalas en formato audioconto, unha nova forma de achegarse aos Bolechas que fomenta a imaxinación e a inclusión sen perder a esencia da popular familia. En breve sairán novos volumes desta colección, cada un con outros catro títulos daquelas primeiras aventuras ideadas por Pepe Carreiro e moitas outras sorpresas coas que celebrar estes 20 anos de éxitos.

A RTP, un referente audiovisual para Portugal e máis alá

A Radio e Televisión de Portugal (RTP) é a empresa pública de radio e televisión que xestiona varias emisoras de radio e dúas canles de televisión que emiten para todo o territorio portugués, ademais doutras cadeas a nivel nacional e internacional, como a RTP África que emite para varios países de fala portuguesa. A emisión dos Bochechas e a súa presenza diaria durante un lustro no espazo destinado á programación infantil, Zig Zag, supón un fito histórico para esta serie, referente tamén na programación infantil da Televisión de Galicia.

Os Bolechas