O Festival Atlántica celebra a gala inaugural da súa oitava edición

Coa denominación de ‘Varios ventos’ faise alusión ás voces que desta volta van encher de contos o Festival Atlántica. Haberá tempo para a tradición oral aragonesa que tan ben coñece Sandra Araguas (Huesca) e para as historias do polifacético Fernando Saldaña (Salamanca), tamén popular polas súas facetas como mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico.
Doutra beira do Atlántico chegarán as narracións e a música de Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil), fundadores do Instituto Cultural Abrapalavra Arte, unha referencia internacional en proxectos sobre educación e memoria social. E, por suposto, non faltarán as voces galegas: Cris de Caldas, Quico Cadaval, Sole Felloza, Celso F. Sanmartín, Cándido Pazó, Charo Pita, Santi Prego e María da Pontragha. Ademais, todos estas intervencións van ter como fío condutor a música de Marcelo Dobode.
Con ‘Varios ventos’ comeza o intenso programa do VIII Festival Atlántica que se desenvolverá ata o vindeiro 20 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Narración Oral. 25 contadores de Colombia, Brasil, Portugal, Venezuela, Palestina e Galicia van brindar case sesenta espectáculos repartidos nos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns.
Festival Atlántica