O reforzo do teléfono gratuíto 900 400 116 de información sobre o coronavirus amplía o seu horario de 8,00 a 24,00 horas todos os días da semana

Ás chamadas atendidas no 900 400 116 engádense as atendidas no 061 en relación con esta enfermidade que, desde a implantación deste reforzo, supoñen unha media diaria de 819 chamadas atendidas. Todo o anterior fai que na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xestiona ambos os dous números de teléfono, a media diaria de chamadas atendidas en relación co coronavirus sexa de 6.984
Se atendemos ao total de chamadas atendidas polo 061, que inclúe a atención as urxencias e as emerxencias sanitarias, nestes últimos catro días, a media diaria é de 5.580 chamadas atendidas, fronte ás preto de 3.000 chamadas diarias atendidas habitualmente.
Outras ferramentas de información sobre o coronavirus
Ademais do número 900 400 116 de información gratuíta sobre o coronavirus, a Consellería de Sanidade puxo a disposición da cidadanía outras ferramentas de atención e consulta acerca desta enfermidade como o formulario de autotest sobre o coronavirus, dispoñible na páxina do Sergas https://coronavirus.sergas.es, e na páxina web do 061 061.sergas.gal.
O teléfono 900 400 116 habilitouse para aquelas persoas que teñan síntomas leves de coronavirus e estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus, así coma para aqueles que queiran solicitar información relacionada con esta enfermidade. Deste xeito, o 061 mantense como o teléfono exclusivo para a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia ou a consulta exclusiva de casos graves. Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria, deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.
Cómpre recordar que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias. Na maioría dos casos, a infección por esta enfermidade é similar a un arrefriado común. As recomendacións para evitar un posible contaxio, establecen principalmente lavarse frecuentemente as mans con auga e xabón, evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca se non ten as mans limpas, e cubrir a boca e o nariz co cóbado se tose ou espirra.
Servizo Galego de Saúde