Skip to main content

Play-Doc anuncia os filmes da súa sección competitiva

Ao tempo e ao espazo, aspectos fundamentais da arte cinematográfica, súmaselles o poder evocador das palabras, as imaxes mentais que estas provocan e as imaxes que compoñen poemas. Nesta selección de cintas atopamos voces en primeira persoa, autobiográficas, epístolas, diarios ou relatos que deambulan por diferentes xeografías, reais ou ficticias pertencentes ao presente, ao futuro ou ao pasado, e capaces de reconstruír vidas.
Nesta décimo sexta edición, o certame terá a honra de presentar Nunca subí el Provincia (2019, Chile), o último filme de Ignacio Agüero, o singular e prestixioso cineasta chileno, que se fixo co premio á mellor película en Fidmarseille 2019.

Así mesmo, o público do festival poderá gozar da Metamorfose dos Pássaros, (2020, Portugal) primeira longametraxe da portuguesa Catarina Vasconcelos, que foi recoñecido, entre moitos outros premios, co FIPRESCI, premio da crítica cinematográfica internacional, na pasada edición da Berlinale.

Tamén chega a Play-Doc Las Poetas Visitan a Juana Bignozzi (2019, Argentina) de Laura Citarella y Mercedes Halfon, estreada internacionalmente en IFFR (Festival Internacional Róterdam) e galardoada no Festival Internacional de Cinema de Mar de Plata. Un filme que nos descobre a obra da xenial poeta Juana Bignozzi, autora de marabillosos, provocadores e desgarradores poemas.

Despois do seu exitoso paso polo Festival Internacional de Cinema de Berlín, as novas realizadoras belgas Sofie Benoot, Liesbeth De Ceulaer e Isabelle Tollenaere chegan a Tui para presentar Victoria (2020, Bélxica).

Completa a programación desta sección a competición, Suzanne Daveau (2019, Portugal), da realizadora Luísa Homen, que tivo a súa estrea na pasada edición do festival DocLisboa. O filme esboza o retrato doutra muller excepcional, a apaixonante vida da xeógrafa Suzanne Daveau. A través dos seus recordos viaxamos por numerosos territorios e diversos contextos desde o inicio do s. XX ata o tempo presente.

Nesta edición tan especial, Play-Doc chegará a moitos máis espectadores grazas á colaboración coa plataforma online de cinema FILMIN onde o festival terá un espazo reservado entre os días 18 e 27 de setembro. Ademais dunha gran selección de películas, poderanse ver tres dos títulos desta sección competitiva. Os espectadores poderán gozar da película de Ignacio Agüero, Nunca subí el provincia, tamen de Las Poetas Visitan a Juana Bignozzi de Laura Citarella e Mercedes Halfon e Suzanne Daveau da realizadora Luísa Homen.

O festival continúa desvelando novos contidos e actividades dunha edición na que a seguridade sanitaria dos seus espectadores e artistas será unha prioridade para a organización.

Play-Doc Festival é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, Agadic, Xacobeo 21, Deputación de Pontevedra, Concello de Tui, AC/E Acción Cultural Española, e outras entidades públicas e privadas.
Play-Doc 2020