Skip to main content

A mostra 'Rostros de Ausencia' plasma o universo íntimo da confusión a través do alzhéimer

A creadora deseñou un percorrido “que mergulla e traslada ao espectador a ese universo íntimo de confusión, esquecemento, medo, ou resignación, que tanto doentes como familiares sofren no seu día a día, caligrafiando nos seus retratos un recoñecemento expresivo á memoria e ao recordo, como sistema dun presente orixinado dende as ausencias progresivas”, explica Saá.

'Rostros de ausencia' completarase con conferencias e coloquios nos que participarán investigadores da USC e responsables das entidades galegas dedicadas ao alzhéimer durante a segunda quincena do mes de outubro. Na inauguración da mostra, alén da artista, tomou parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o responsable da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro; e o historiador e comisario da mostra Alberton Carton.

Currículo

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 2009, Saá cursou un máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (2010), así como de Educación en Artes plásticas (2011), ambos os dous na USC. Combina a súa labor creativa coa xestión cultural. Foi codirectora da galería de arte contemporánea A. dFuga (2011-2013) e entre os seus premios artísticos máis destacados atópanse o I Premio GZCREA 2009 e o Premio Nacional VI Certame de Pintura Entre Vales en 2011; xunto coas súas numerosas seleccións en certames a nivel nacional e internacional, e a súa presenza en feiras de arte como JustMad, RoomArtFair e Cuarto Público. Realizou exposicións en España, Portugal e Serbia, entre outros países. Actualmente encóntrase realizando o programa de doutoramento na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid, dentro da cal se enmarca a investigación que deu lugar a esta mostra.

A exposición estará aberta ao público dende o día 11 de setembro ata o día 27 de outubro, de luns a sábado en horario de 17.00 a 20.30h. Os días 12 de setembro e 13 de outubro estará pechada por estar programado un concerto.
Universidade de Santiago de Compostela