Víctor Manuel Vázquez Portomeñe estrea a súa faceta literaria cunha novela ambientada na Galicia medieval

Xunto coa xeografía real, que leva ao lector a Taboada, Chantada, Portomarín e Carballedo, a Ourense, a Lugo, a Fonsagrada ou ao Samos da época, o autor recolle tamén unha topografía sentimental, como as terras condais de Brianda de Moás, coprotagonista da historia; o monte Faro, xa lugar de romarías fai máis dun milenio, ou o val do Mao, lugar de batallas totalmente esquecidas, entre outros escenarios. E é que esta novela conecta co ser de Galicia, coa súa cultura, cos seus prados e os seus bosques, cos seus sentimentos, os ríos, as fontes e os montes que conforman e dan alento á orografía desta terra.
Sobre o autor
Víctor Manuel Vázquez Portomeñe (Taboada, 1936) é avogado e estivo durante case corenta anos na primeira liña política de Galicia. Foi conselleiro sen carteira con José Quiroga Suárez durante o período preautonómico de Galicia, foi un dos redactores do borrador do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1981; deputado no Parlamento de Galicia por Alianza Popular e, despois, polo Partido Popular (1981-1997). Foi conselleiro de Educación no goberno da Xunta de Galicia presidido por Gerardo Fernández Albor (1983-1986), período no que se foron asumindo as competencias estatais en materia de educación. Cando o entón vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro Rivas, presentou a súa dimisión e prosperou a moción de censura ao goberno de Fernández Albor, sendo nomeado presidente do Goberno autonómico o socialista Fernando González Laxe, Vázquez Portomeñe converteuse en portavoz dos conservadores no Parlamento galego e asumiu a oposición ao goberno tripartito.
Cos gobernos de Manuel Fraga, foi conselleiro de Relacións Institucionais e portavoz do goberno (1990-1993). Durante o seu mandato púxose en marcha o primeiro programa elaborado pola Xunta de Galicia para a celebración e difusión do Ano Santo Xacobeo (1993). Finalmente foi conselleiro sen carteira para Asuntos Parlamentarios (1993-1997) e, desde 1996, senador durante tres mandatos. En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polo seu traballo en prol do Ano Santo Xacobeo.
Hércules de Edicións