Skip to main content

O cinema documental volve a Ourense co ciclo Docs del Mes

Esta iniciativa, coordinada pola compañía Parallel 40, naceu baixo o nome de DocsBarcelona no ano 2004 e desenvolvese cada ano en numerosas salas de España e América Latina. “Arrancamos o curso cunha programación de catro documentais que se proxectarán ao longo de catro meses e que agardamos teñan unha boa acollida entre o público a pesar da situación provocada pola covid-19”, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense. Con entrada libre ata completar un aforo reducido de acordo coas normas ás que obriga a crise da covid-19, as proxeccións poderán verse en versión orixinal con subtítulos en castelán na sala do Cineclube Padre Feijóo ás 19.30 horas.

Da apicultura nos Balcáns ás traballadoras do fogar filipinas

A programación iniciarase o vindeiro luns 21 con Honeyland, de Ljubomir Stefanov e Tamara Kotevska, un filme macedonio que narra a historia de Hatidze Muratova, que se dedica a criar colonias de abellas nunha remota rexión montañosa dos Balcáns e os cambios que para a súa forma de vida supuxo a chegada á zona dunha familia nómade. Ao mes seguinte, o luns 19, proxectarase Marwa. Pequeña y valiente, un documental da directora e produtora xordana de orixe palestina Dina Naser, que retrata a vida cotiá de Marwa, unha nena que vive nun campo de refuxiados de Xordania desde que fuxiu coa súa familia de Siria.

O 2 de novembro poderá verse Robots. Las historias de amor del futuro, un filme no que a documentalista alemá Isa Willinger reflexiona, a través de casos reais, sobre como a intelixencia artificial e a entrada de robots nos fogares afectará ás vidas das persoas. Por último, o 21 de decembro proxectarase o premiado documental Overseas, centrado na historia das mulleres filipinas que se ven obrigadas a marchar ao estranxeiro a traballar como aias e traballadoras do fogar, no que a cineasta coreana Sung-A Yoon combina o humor negro e a denuncia social.
Universidade de Vigo