O GFFF abre as súas portas este mércores contra vento e pandemia

Por iso, tamén haberá opción de ver a sección oficial dende a casa do 28 de outubro ao 8 de novembro. “Este ano, como moitos certames, a parte online ten moito peso. De feito, poderanse ver as 60 curtas dende a plataforma online Festhome” confirma de Castro.
Con todo, e a pesares das modificacións ou adaptacións que veñen, a organización móstrase entusiasmada coa nova edición do festival que definen coma irreverente e moi gamberra. Así, Miriam P. Álvarez, do equipo de dirección, recorda que “das 60 curtas que se proxectarán e se poderán ver tanto de xeito presencial coma de maneira online, máis de 40 son estreas en Galicia e 15 son inéditas en España. Ademais, contaremos con tres estreas internacionais”.
Sen dúbida, o Galician Freaky Film Festival, volverá un ano máis a cidade contra vento e pandemia, para gozar do cinema máis freak e esperpéntico de Galicia, España e o mundo.
A INAUGURACIÓN, PREVISTA PARA O MÉRCORES, PERO CON ALGÚNS CAMBIOS
O festival comezará o mércores 28 coa musicalización de Caspervek Ensemble en directo de A Carreta Pantasma, de Victor Sjöström, filme de referencia para Stanley Kubrick, director de El resplandor, obra homenaxeada nesta edición do evento.
Despois, xa no Hotel Bahía, tocaríalle a quenda a Nimic do aclamado Yorgos Lanthimos, autor de obras coma Langosta ou La favorita, sen embargo, “co fin de adaptarse ao toque de queda proxectarase o xoves 29” engade Juan de Castro.
AS ACTIVIDADES PARALELAS
As actividades paralelas do GFFF mantéñense, pero dende a organización móstranse abertos a facelas de xeito online no caso de que se confirmen limitacións a mobilidade entre comunidades ou provincias xa que “algúns dos invitados virán de Barcelona e outras localidades” explica de Castro.
Así, tanto a Aula CREA, no que se levará a cabo un coloquio con Conrado Xalabarder, coma a gravación do podcast Anónimo IV, conducido por Erea Carbajales e Brais González e no que participan Xalabarder, Nani García e Manuel Riveiro para falar sobre a música e o cinema, poden mudar o seu formato e celebrarse en streaming co fin de cumprir coa normativa pertinente.
O mesmo ocorre coa Mesa Cadrada FFFG, un debate público cos responsables dos catro festivais de referencia de temática fantástica e freak de Galicia: FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, Fancine de Lemos, de Monforte de Lemos, Curtas do Imaxinario, de Vilagarcía de Arousa e o Galician Freaky Film Festival, de Vigo.
EXPOSICIÓN DE PAULO MOSCA
Coma non podía ser doutro xeito, o festival freak incluirá, coma ven sendo habitual, unha exposición que se poderá ver no Hotel Bahía. Se o ano pasado foron Alberto Hortas e Josef Méndez, esta quenda tócalle a Paulo Mosca, artista totalmente alleo as modas e ao politicamente correcto que non deixará a ninguén indiferente.
A mostra estará articulada retrospectivamente desde os seus c
omezos, cos traballos en fanzines e cómics, pasando polas ilustracións salvaxes da súa etapa rosa, ás últimas creacións para animacións e tamén parte dos seus traballos aínda non expostos ao público.
A VENDA DE ENTRADAS, DISPOÑIBLE UNICAMENTE ONLINE
Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, as entradas estarán unicamente dispoñibles a través da web do GFFF.
Neste sentido, os asistentes terán a opción de mercar un abono VIF, con acceso a todos os pases e actividades do certame ou escoller unha entrada para a inauguración. Ademais, ao ter un aforo moi limitado, existirá a posibilidade de ver a sección oficial online, podendo facerse co billete correspondente na web.
O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL
Despois de tres anos no que o Galician Freaky Film Festival non parou de medrar e conseguiu colgar o cartel de “completo” en moitos dos seus pases, o certame regresa unha vez máis á sala Videodrome e á cidade co fin de achegar todo tipo de filmes de terror e serie B. O máis abraiante e esperpéntico da industria cinematográfica de Galicia, España e o resto do mundo.
Cabe destacar que para a edición de 2020 recibíronse preto de 400 obras, o dobre do ano anterior, chegadas dende todos os lugares do globo terráqueo coma Xapón, Corea do Sur ou Tailandia. Ademais, a selección de filmes ampliouse coa inclusión de prestixiosas plataformas coma Clermont Ferrand, un dos festivais de curtametraxes con máis sona.
O gran obxectivo do GFFF é reivindicar e recuperar o espírito freak que acada o seu esplendor en Galicia grazas á Xeración Xabarín que bailaba os temas das bandas de Rock Bravú, cantaba o opening de Dragon Ball a pleno pulmón e pedía as películas do Vengador Tóxico no videoclube.
Galician Freaky Film Festival