Un ciclo de conferencias virtuais para ampliar as perspectivas dos futuros profesionais das redes sociais

Crises, eleccións e captura de datos
Os Social Media Webinars arrancan o vindeiro martes 17 coa conferencia Guerras híbridas, cuando la crisis hace parte de un plan, a cargo do consultor, investigador e estratego en comunicación organizacional Jorge Aguilera, que, nun coloquio moderado pola profesora Ana Belén Fernández Souto, porá o foco na xestión comunicativa de crises a través do estudo de casos prácticos a nivel nacional e internacional. O 15 de decembro, o papel das redes sociais na publicidade de carácter político será analizada nun relatorio moderado polo profesor Alberto Dafonte e impartido por Raúl Magallón, profesor da Universidad Carlos III de Madrid e autor do libro Desinformación y pandemia. La nueva realidade.
Xa no 2021, o ciclo porá o foco nas ferramentas de captura e análise de datos procedentes de redes sociais como Twitter, nun seminario impartido polo desenvolvedor Berto Yañez e moderado por Martínez Rolán. As “novas estratexias de promoción dixital de contidos audiovisuais”, por outra banda, serán analizadas, poñendo o foco no caso concreto da plataforma Netflix, na conferencia Streaming Wars, que o 3 de marzo impartirá a docente, investigadora e escritora especializada en novos modelos de distribución audiovisual Elena Neira, co profesor Oswaldo García como moderador.
Entrevistas de traballo
Nese obxectivo de complementar a formación do alumnado, no programa do ciclo figuran tamén dúas xornadas dirixidas a abordar con profesionais do sector “a optimización de perfís e como presentarse a unha entrevista de traballo” no sector das TIC. Moderados polo coordinador de prácticas do máster, Juan Manuel Corbacho, o primeiro destes coloquios terá lugar o 10 de febreiro, coa participación de José Luis Reza, presidente da Asociación Galega do Márketing Markea, completándose esta iniciativa coa conferencia que 6 de abril impartirá Alberto Garnil, CEO de Iconweb.
2020-11-11