Skip to main content

O Ciclo Poetas Di(n)versos continúa unindo poetas de Galicia aos nados en Inglaterra, Cuba ou Portugal

Serán novos encontros de arredor dunha hora de duración nos que entrar en contacto con prácticas poéticas contemporáneas recitadas polas voces que as crearon. Uns recitais abertos e gratuítos, capaces de seducir tanto a propios como estraños ao mundo da poesía, e nos que se atenderán de xeito estrito as capacidades e os protocolos sanitarios.

Unha libraría de proximidade poñerá á venda os volumes dos convidados/as ante as posibles sinaturas que poidan solicitarse, e o acto emitirase por streaming dende a web das Bibliotecas Municipais da Coruña, servizo impulsor deste proxecto.

A máis inmediata das citas terá lugar este vindeiro luns 25 de xaneiro ás 20h da tarde (adiantando media hora o horario habitual para mellor salvar as actuais restricións horarias). A coordinadora do ciclo, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, reunirá a Roger Wolfe e Carlos Santiago. Se o primeiro é coñecido por ser un dos máximos expoñentes do Realismo Sucio, a poética do santiagués está vinculada á escena en proxectos como a Sala Nasa ou a Psicofónica de Conxo. Considerado o discípulo avantaxado de Bukowski, Roger Wolfe naceu no condado de Kent (Inglaterra) e trasladouse xa na infancia a España para adoptar o castelán como lingua literaria. Dende o seu debut en 1986 tirou do prelo uns 25 títulos de distintos xéneros, especialmente poesía, para alén de traducir unha chea de autores como William Burroughs ou Gregory Corso entre moitos outros. Carlos Santiago (1966) é escritor, poeta, dramaturgo e director escénico, ademais de cantante e letrista. A súa actividade como dramaturgo e director de escena é hiperactiva tanto en Galicia como en Portugal, e para alén do seu poemario Metalurxia é autor de diversos espectáculos de ‘poesía portátil’.

O luns 8 de febreiro será quenda para a poesía cálida, ben pulsada e meditada de dous poetas de longo oficio nados en Cuba e na Terra Cha: Rodolfo Häsler e Xesús Rábade Paredes. E o 22 de marzo chegará dende Lisboa a consagradísima autora lusa Maria do Rosário Pedreira e, dende Vigo, un integrante da chamada ‘Xeración dos 80’ considerado un dos nomes máis recoñecidos da poesía galega: Xavier Rguez. Baixeras. POETAS DI(N)VERSOS fóra recoñecido nos Premios da Crítica Galicia 2014 como a Mellor Iniciativa Cultural e resiste ante a crise santiaria compartindo a forza da palabra.
Poetas Di(n)versos