Nace 'Referentes', un proxecto audiovisual dixital que recupera o poder da conversa
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/referentes.jpg)
Referentes estrearase o xoves 4 de marzo en Facebook e Youtube cunha conversa protagonizada por Mercedes Peón e Lucía Freitas, dúas mulleres carismáticas que lideran proxectos moi persoais e exitosos en ámbitos tal lonxanos como música e a cociña.
Mercedes Peón é música, etnógrafa, investigadora, produtora e cantautora, unha artista multifacética que se converteu nunha referencia mundial da world music compartindo co resto da humanidade os tesouros que atopa na tradición galega. Os seus traballos exploran con paixón e compromiso temas como a identidade, o sexo, a linguaxe, a pertenza, o ambiente ou a política social. Entre os moitos recoñecementos que recibiu están o Mellor Disco por Isué da revista Folkworld, finalista a Mellor Artista do Ano na BBC Radio 3 e quinto Mellor Disco no Mundo por Sós no prestixioso World Music Charts.
A compostelana Lucía Freitas está considerada “a chef do momento”. Formouse en Euskadi e Barcelona, aprendeu da cociña e da vida nos fogóns de El Celler de Can Roca, Mugaritz ou El Bohío e aos 27 anos abriu o seu propio restaurante en Compostela: A Tafona Casa de Xantar. Con menús a 12€ e materia prima de primeira calidade, as críticas enxalzábana pero as contas non daban. E todo podía empeorar: cando o seu fillo tiña un mes, quedou sen socio e chea de débedas. O camiño dende querer pechar a gañar unha estrela Michelín adubiouno converténdose na única muller finalista do concurso Cocinero del Año de 2016 e titelando a apertura dun dos restaurantes de moda en Manhattan: o Tomiño. Hoxe rexenta un segundo establecemento en Santiago, o Lume (slow food a fume de carozo), e quere abrir outro no Xapón.
A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estas dúas mulleres referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que elas a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.
Cada mes, difundirase unha conversa entre Referentes da cultura e da sociedade galegas, que nos permitirán coñecer e valorar o noso xeito de vida e situarnos inequívocamente no mundo, proxectándonos cara un futuro tan difuso como incerto coa nosa identidade como piar básico.
Deputación da Coruña