Preestreada 'Nación', unha pescuda de Margarita Ledo sobre as galegas na segunda metade do século XX
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu hoxe na Coruña á preestrea do filme Nación, obra da directora Margarita Ledo que conta co apoio do programa de subvencións á produción audiovisual da Xunta de Galicia. A película, gañadora do Premio á Mellor Dirección de Película Española no Festival de Cine de Sevilla e do Premio Cineuropa 2020 á súa autora pola súa traxectoria, é candidata a mellor documental e música orixinal nos Premios Mestre Mateo 2021.
Nación ofrece unha pescuda sobre as galegas na segunda metade do século XX a través da historia da fábrica de porcelanas Pontesa. Homenaxea a todas as mulleres que converteron a factoría nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos, intercalando imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular.
O documental, que ten prevista a súa estrea en cines comerciais de toda España este venres 26, é un dos beneficiarios das axudas á produción ou coprodución do Goberno autonómico cunha achega de máis de 78.000€. Dentro desta mesma convocatoria, a Xunta contribúe á posta en marcha de 17 novos filmes, dos que seis son longametraxes, catro curtametraxes e unha serie de televisión, que supón un investimento que mobiliza 5,3 millóns de euros na industria audiovisual.
Xunta