Skip to main content

Un foro aborda dende o CiTIUS a regulación da Intelixencia Artificial en Europa

Este workshop ten como obxectivo sensibilizar e estimular o debate relacionado coa normativa neste ámbito, e estruturarase en tres paneis temáticos interactivos: ‘Impacto socioeconómico da regulación da IA’, ‘Creación de confianza a través dunha IA explicable que cumpra coa regulación europea da IA’ e ‘Un enfoque centrado no ser humano para unha IA non nesgada de acordo cos valores e a regulación europea’.

O evento está aberto ao público e desenvolverase en modo híbrido, con asistentes presenciais e en liña, centrándose nun enfoque de múltiples partes interesadas para reunir aos representantes do sector privado, o mundo académico, a sociedade civil e os gobernos.

Mudando a vida das persoas

A IA está a remodelar o mundo e cambiando a vida das persoas e da sociedade, converténdose non só nunha “tecnoloxía adicional", senón cada vez máis, nunha parte da vida cotiá das persoas ao permitir accións como interactuar co asistente dixital, pedir que reproduza a música favorita, empregar un texto corrector que axude a escribir un correo electrónico eficiente, ou utilizar aplicacións de navegación que desvíen á persoa usuaria tendo en conta o tráfico e as obras.

Debido ao seu potencial e ás innovacións de alta tecnoloxía, a IA pode achegar unha ampla gama de beneficios en todo o espectro social, económico e ambiental. Pero, ao mesmo tempo, e debido ao seu rápido crecemento e ao aumento das súas aplicacións e capacidades, implica riscos potenciais en eidos como a privacidade, a desigualdade, a opacidade na toma de decisións, a equidade e a parcialidade ou a seguridade.

Consciente diso, e en liña coa súa preocupación por regular adecuadamente o desenvolvemento e o uso da IA, a Comisión Europea promoveu varias iniciativas para establecer os principios dunha IA segura e digna de confianza. En 2019, o grupo de expertos de alto nivel sobre IA presentou unhas Directrices Éticas para a Intelixencia Artificial Confiable. Dous anos máis tarde, o 21 de abril de 2021, a Comisión Europea publicou un marco normativo para supervisar a IA, establecendo normas harmonizadas sobre o tema, finalmente chamada Lei de Intelixencia Artificial.

Os Estados membros da UE tamén comprenderon que deben seguir o ritmo dos avances da IA. Moitos deles xa adoptaron estratexias a nivel estatal sobre a materia, mentres que outros están en fase final de redacción na actualidade. Dado que é esencial un enfoque da IA centrado en Europa, a UE puxo en marcha medidas para reforzar os mecanismos de coordinación e proporcionar análise e estudos mediante a creación de AI Watch, unha iniciativa da Comisión Europea para supervisar e facilitar a aplicación da Estratexia Europea para a IA.

A organización do evento anticipa que se a Estratexia Europea para a IA se aproba finalmente tal e como foi concibida, a consecuente lei será a regulación máis restritiva da IA no mundo. “o seu impacto non só nos afectará na nosa vida persoal, senón que tamén nos afectará como consumidores, empregados, empresas e administracións públicas, e mesmo na investigación deste campo", afirma Barro. “A importancia é tal que temos a responsabilidade de estar informados e mesmo de ser activos no debate e na xeración de propostas respecto diso”, conclúe.
Universidade de Santiago de Compostela