Play-Doc pecha a súa 17ª edición marcada por un forte carácter inédito, exclusivo e internacional

Premieres mundiais, internacionais e españolas
Nunha traxectoria que en breve abranguerá dúas décadas, o festival tudense presentou sempre primeiras retrospectivas en España, dedicadas tanto a verdadeiras lendas do cinema documental como a outros moitos cineastas esquecidos, censurados, perdidos ou descoñecidos. Este labor de recuperación e descubrimento foi particularmente notable nesta recentemente clausurada edición, que reivindicou a obra do cineasta norteamericano de orixe alemá Manfred Kirchheimer, quen aos seus 91 anos non puido acudir a Tui, debido á pandemia, para presentala en persoa como era o seu desexo. Entre a súa extraordinaria filmografía, o festival galego presentou as súas dúas últimas películas en estrea mundial e incluíu a primeira proxección de Short Circuit, que desde a súa realización en 1973 nunca se mostrou en público.
Quen si acudiu a Play-Doc foi a directora estadounidense Bette Gordon, quen presentou a súa icónica obra mestra Variety (1984) e acaparou a atención da prensa especializada. O festival tamén presentou en estrea española a última película recuperada do recentemente falecido realizador alemán Wolf-Eckart Bühler, sobre quen Play-Doc puxo o foco no 2019, titulada Amerasia (1985), e que foi presentada pola súa compañeira Hella Kothmann. Play-Doc tamén presentou en estrea española outra xoia perdida e rescatada do esquecemento, SEPA: Nuestro Señor de los Milagros (1987) do realizador suízo Walter Saxer, máis coñecido por ser o produtor de Werner Herzog e o responsable dalgunhas das rodaxes máis difíciles da historia do cinema, como Aguirre la cólera de Dios (1972) ou Fitzcarraldo (1982). O propio Saxer voou desde o Amazonas peruano, Iquitos, para presentar no festival a súa película e ofrecer unha exclusiva clase maxistral.
Na competición internacional de longametraxes destaca tamén a estrea mundial da última película do franco-canadense Dominic Gagnon, Big in China. Georges and the Vision Machines (2020) que estivo presente no festival así como o italiano Giovanni Cioni ou a realizadora Macedonia Kumjana Novakova e o catalán Guillermo Carreiras-Candi, que presentaron as súas películas Dal pianeta degli umani e Disturbed Earth tamén en estrea española.
Na competición internacional de curtametraxes presentouse en estrea mundial en festivais a película Paraíso (2021), de Marina Lameiro e Maddi Barber, presentes no certame, e contamos coa estrea internacional de Froito do vosso ventre (2021), do portugués Fábio Silva, quen tamén presentou persoalmente a súa película no Play-Doc. Vagalumes (2021), do brasileiro Leo Bittencourt, tamén foi estrea internacional; mentres que Baki Tadu É (2021), de Kate Saragaço e Calum MacBeath, e Zu Dritt (2020), de Agnèse Laposi e Benjamin Bucher, tiveron a súa estrea española no festival tudense.
Cinema galego
Play-Doc é tamén, desde a súa orixe, plataforma e viveiro do talento máis próximo, visualizando cada ano o cinema galego, sempre en efervescencia, a través dunha ampla e interesante proposta que este ano incluíu os últimos traballos de cineastas do país, como Alberto Gracia, Carmen Bellas e Alberto Berzosa, Claudia Pineda, Daniel Pérez Silva, Diana Toucedo, Eloy Domínguez Serén, Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, Xacio Baño ou Xisela Franco, entre outros.
Esta edición tamén rendeu homenaxe a unha das figuras chave do cinema galego, o tudense Daniel Domínguez, coa proxección do seu filme Río de sombras (1986), rodada en Tui. Ademais, Play-Doc contou coa estrea galega do documental No somos nada, de Javier Corcuera, sobre a mítica banda de punk La Polla Records e cuxo lider e vocalista, Evaristo Páramos, naceu tamén na cidade fronteiriza, sede do festival.
Alén das salas do cinema
Unha das actividades paralelas máis exitosas entre o público, que conecta directamente coa cidade e que, un ano máis, esgotou todas as entradas dispoñibles foi Cinema Percorridos II: Visións Nocturnas, unha proposta única na que o cinema transforma o espazo público. Un grupo de seis video creadores (Montse Piñeiro, Juanma Lodo, Juanjo Fernández Rivero, MIL111.lab -Iria del Bosque e Borja Bernárdez- e o Colectivo AA+ -Ana Domínguez e Ángel Rueda) puxo en relación súas propostas, que parten dos arquivos de cine doméstico rodado en super 8 polas familias de Tui, co patrimonio arquitectónico tudense, unha interacción entre as diferentes instalacións e lugares que pretende dialogar cos espectadores a través dun percorrido nocturno pola cidade.
Cinema Percorridos foi unha das iniciativas máis destacadas dunha extensa programación paralela, que incluíu talleres formativos, encontros e mesas redondas en liña con profesionais da industria e na que participaron importantes nomes como David Schwartz (Netflix), Michelle Carey (Senses of cinema) ou Ariel Schwitzer (Cahiers du Cinéma), e que trataron temas relacionados coa curadoría, a crítica e a formación cinematográficas. O festival tamén ofreceu unha vez máis o seu espazo para abordar os proxectos galegos que están en fase de ‘work in progress’ e tamén para mostrar outras iniciativas culturais da rexión.
Play-Doc Live!
O certame tamén contou, como é habitual, cunha importante sección musical, Play-Doc Live!, que tivo como cabezas de cartel ao artista brasileiro Domenico Lancellotti e a banda norteamericana Blurry The Explorer; formada por prestixiosos músicos antes da pandemia e que ofreceu o seu primeiro espectáculo en directo nesta 17ª edición do Play-Doc. Ambos concertos contaron cos visuais do videoartista galego Sr. Pause (Roi Fernández).
Palmarés
O xurado da 17ª edición do Play-Doc fallou o pasado domingo 26 o palmarés, conformado polas seguintes películas:
• Competición internacional de longametraxes: Esquirlas, de Natalia Garayalde
• Competición internacional de curtametraxes: Fruto do vosso ventre, de Fábio Silva
• Competición Galicia: Os corpos, de Eloy Domínguez Serén
Convocatoria aberta para Play-Doc 2022
Play-Doc abre desde esta semana a súa convocatoria para participar na próxima edición do festival que se celebrará, de novo na primavera, do 4 ao 8 de maio de 2022.
Festival Internacional de Cinema Play-Doc