Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño reflexionan sobre o mundo despois da pandemia

Todas as intervencións programadas están agrupadas arredor dunha serie de paneis temáticos dedicados a cuestións como ‘Coidar o ser’, a ‘Visión oriental’, ‘É posible outro mundo?’ ou ‘Pensar o mundo en feminino: Emilia Pardo Bazán cen anos despois’. As conferencias e relatorios correrán da man de especialistas procedentes de universidades españolas, francesas, portuguesas ou xaponesas, entre outras, que explorarán os efectos da pandemia na identidade, na dimensión afectiva e a alteridade; o tratamento do coidado na era dixital; a conciencia relixiosa; a perspectiva do corpo seguro; ou a concepción da nova normalidade e a homo postpandemia. Ademais da programación científica está prevista tamén a inauguración da exposición de pintura ‘Crónica da pandemia’ do pintor Anto Chozas, así como o acto de entrega da terceira edición do premio Sapientia.
A programación de actividades do Encontro complétana a presentación dos libros Historia de la Hermenéutica. Devenir y actualidad de la filosofía de la interpretación, La luz entre las tinieblas: Agustín de Hipona y Tomás de Aquino, Caminos del pensamiento japonés e Filosofía e utopía. Tamén está prevista unha homenaxe póstuma a Megumi Shiozawa.
Universidade de Santiago de Compostela