'Docs del Mes' continúa promovendo unha reflexión sobre diferentes problemáticas sociais

“O ciclo permítenos achegarnos, a través do xénero documental, a cuestión problemáticas que moitas veces non teñen suficientes espazos públicos para ser abordadas e visibilizadas”, salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. Con esa idea, a sede da Vicerreitoría acolle o vindeiro luns ás 20.00 horas a proxección de Arica, un documental no que Lard Edman e William Johansson fan balance de 15 anos de investigación sobre o vertido ilegal de residuos tóxicos realizado por unha multinacional norueguesa na cidade chilena de Arica e os efectos que tivo nas vidas da súa poboación.
O retrato autobiográfico dun proceso de transición de xénero
Tamén ás 20.00 horas, a Vicerreitoría acollerá o 21 de febreiro a proxección do filme brasileiro En el umbral, no que a directora Coraci Ruiz aborda desde un punto de vista autobiográfico a transición de xénero do seu fillo adolescente Noah, a través das entrevistas que lle realizou ao longo de tres anos. Xa en marzo, o luns 21 poderá verse Curvy Crew, un filme da cineasta e videoartista Ida Joglar, que a produtora responsable deste ciclo presenta como “un documental que rompe cos estereotipos e pon ante o espello a presión social e o reto da autoaceptación que sofren as persoas cun corpo non normativo”, neste caso a través das entrevistas a un grupo de mulleres con sobrepeso que se enfrontaron ao reto de subir o Kilimanjaro.
Coas súas sesións previstas para os terceiros luns de cada mes, a programación de Docs del Mes continuará o 18 de abril, o 23 de maio e o 20 de xuño, con tres novas proxeccións aínda por concretar.
Universidade de Vigo