Skip to main content

As universidades galegas participan nun proxecto de deseño dunha aplicación que comprobe automaticamente se os políticos din a verdade nun debate

Vinte investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos integran o equipo de traballo, entre os que están os docentes da UDC Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage, da Universidade da Coruña; así como os investigadores da UVigo Manuel Pérez Cota, Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Andrés Mazaira, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla; aos que se suman os investigadores Francisco Javier Paniagua, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo Carlos López, da USC; Alejandro Romero, da Universidad de Granada; e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.

Deste xeito, DEBATrue reúne expertos no desenvolvemento de aplicacións informáticas, en minería de datos en redes sociais e modelos de confianza e reputación, así como no ámbito da ciberseguridade e as conspiracións.

Esta iniciativa está dirixida a contribuír á loita contra a desinformación a través da identificación de datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento do proceso electoral. Nese senso, como recolle a memoria dun proxecto que se desenvolverá ata 2023, o seu propósito é tratar de sumar aos actuais procesos manuais de verificación, unha aplicación dixital que automatice parte dese proceso, contribuíndo a que se acelere a comprobación e verificación da información e poidan rebaterse, antes de que se viralicen, as posibles afirmacións falsas ou inexactas realizadas no transcurso dun debate electoral.

Seleccionado na convocatoria Prueba de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación, “DEBATrue. Lucha contra la desinformación y criterios de valor en los debates electorales en televisión y medios digitales: plataforma de verificación y blockchain” é un proxecto de transferencia que busca poñer ao servizo da cidadanía unha plataforma de verificación de acceso libre e gratuíto. Trátase, así mesmo, dunha iniciativa derivada da investigación sobre debates electorais televisados DEBATv, que o grupo CP2 desenvolveu no marco do programa Retos de la Sociedad.

Unha plataforma de acceso aberto

Co propósito tanto de identificar posibles afirmacións falsas no propio debate, como aquelas que a raíz deste poidan xurdir nas redes sociais, o proxecto abrangue a aplicación de técnicas e ferramentas de aprendizaxe automático ou machine learning aos procesos de verificación de datos, así como a creación dun bot de análise conversacional e medición da actividade e impacto en Twitter dos debates televisivos. A través destas ferramentas, buscarase tratar de “automatizar ou semiautomatizar este proceso de verificación de datos”, explica Rúas, que matiza que o proxecto implicará tanto o traballo con “datos de grao 1”, aqueles que poden comprobarse en bases de datos de acceso público, como con informacións “de grao 2”, que obrigarían xa “á súa comprobación de forma manual”.

Baseado no uso de tecnoloxía blockchain, tratarase dun sistema de verificación de información aberto e descentralizado, creado sobre principios de gobernanza éticos e transparentes e sustentado en datos de acceso aberto. Deste xeito, como recolle a memoria, proxéctase que esta ferramenta en liña permita non só coñecer que informacións son verdadeiras, falsas, incertas ou inexactas, senón poder tamén acceder á fonte orixinal ou proba de veracidade, como serían as bases de datos que xustificarían a exactitude ou inexactitude da afirmación.

Para a investigadora da UDC, profesora da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial na Facultade de Informática, Laura Castro Souto: “desde a parte informática, o que máis me gusta deste proxecto é que temos como obxectivo principal que a validación da información, fact-checking, sexa explicada ás persoas que vaian usar a plataforma. É dicir, non só axudar á xente a saber se unha afirmación ou dato ten base e se pode contrastar, senón que se saiba como, de que xeito, o sistema chega a esa conclusión. Estamos rodeadas de algoritmos que toman decisións que ninguén nos explica: en cambio, DEBATrue vai aportar á cidadanía unha nova ferramenta software na que non imos ter que ‘confiar’, senón que vai ser transparente en todo o que fai desde o seu deseño”.

Creación dun índice de calidade

O proxecto contempla o desenvolvemento dun índice internacional de calidade dos debates electorais, que partirá da revisión e ampliación dunha relación de 50 indicadores de valor, deseñada no marco de DEBATv, xunto co impulso dun selo de calidade que distinga aqueles debates que aposten pola participación, a transparencia, a loita contra a desinformación e a participación democrática da cidadanía. Outro dos obxectivos do proxecto, é ver a posibilidade de crear unha spin off a raíz do desenvolvemento desta aplicación, o que contribuiría á súa vez, a que esta ferramenta poida aplicarse, nunha segunda fase, ao debate político xeral, así como ao desenvolvemento doutras tarefas, como o asesoramento aos diferentes operadores e axentes implicados.

Con esa mesma vontade de transferencia, proxéctase a elaboración dun manual de boas prácticas na organización de debate, así como dunha guía escolar de sensibilización, educación e loita contra a desinformación no debate político. De feito, co propósito de contribuír á sensibilización e capacitación dos futuros votantes, especialmente na contorna das redes sociais, o proxecto abrangue tamén a realización dun estudo sobre as necesidades educativas e de traballo na aula que neste ámbito poida requirir a poboación infantil e xuvenil, así como o deseño e organización de talleres e de actividades formativas para educadores.
Universidade da Coruña