Skip to main content

Unha viaxe fotográfica á USC de 1882

O acto celebrado este mércores e presidido polo reitor Antonio López, contou coa intervención da directora do AHUS, Désirée Mª Domínguez Pallas, e de Carlos Castelao, responsable da publicación.

Dende 1870, Jules David-Cavaz realizou fotografías de grupos, sobre todo en institucións educativas de varios países europeos, sendo a USC unha das universidades nas que detivo a súa ollada. Neste senso, Désirée Mª Domínguez Pallas quixo salientar como a publicación deste volume permite “poñer en valor os fondos do arquivo” xa que parte do material atopábase no propio AHUS e “complementa un excelente traballo de investigación de Carlos Castelao”. Así, a responsable do AHUS explicou como a elaboración da obra conforma un achado inesperado ademais dun exemplo de colaboración entre o público e o privado, en referencia ao traballo conxunto da USC e de Alvarellos.

O fotohistoriador Carlos Castelao levou a cabo un rigoroso estudo dos fotografados, da propia Universidade en 1882, e do moi descoñecido autor das imaxes. Este volume publica máis de 150 fotografías daqueles días de 1882, a maior parte delas, descoñecidas. Na sesión, tamén estiveron presentes Juan Blanco, responsable do Servizo de Publicacións da USC, e Enrique Alvarellos de Alvarellos Editora.
Universidade de Santiago de Compostela