Unha viaxe polo xornalismo do século XX a través da ollada de Álvaro Ruibal

Ao mesmo tempo, envía colaboracións ás principais cabeceiras galegas da época como é o caso de La Noche, El Correo Gallego ou Faro de Vigo. No ano 1962, crea o pseudónimo ERO co que publica en La Vanguardia unha columna que chegou a converterse nun fito do xornalismo cotián baixo o nome ‘La calle y su mundo’, prolongada durante corenta anos. O seu vencello con Galicia e Compostela amósase na grande cantidade de artigos que publicou arredor de temas xacobeos, de persoeiros galegos ou costumes, sendo un dos grandes embaixadores galegos en Barcelona. A pegada destes artigos iniciou tamén a quenda dunha serie de columnistas galegos que escribían sobre Galicia dende Cataluña. Na década dos setenta publicará dous volumes monográficos: Los Pueblos y las sombras e El tiempo retenido. O seu último artigo ve a luz ao día seguinte do seu pasamento que tivo lugar o 15 de xaneiro de 1999.
“A exposición que hoxe presentamos dá conta da importancia da figura e a obra deste compostelán barcelonés, deste xornalista algo poeta que sempre levou Galicia e a súa cultura dentro de si”, explican dende a Biblioteca Universitaria encargada da organización da mostra e que conta co apoio da Área de Cultura da Universidade. “Tamén é un acto de agradecemento á súa familia pola doazón de preto de 6000 volumes”, explicou Mabela Casal, directora da Biblioteca. No acto inaugural tamén interviñeron o vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e Álvaro Ruibal Morell, fillo do protagonista da exposición. A mostra poderá visitarse de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
Universidade de Santiago de Compostela