Skip to main content

A USC traballa nun Programa Galego de Protección Integral Feminista a Defensoras de Dereitos Humanos

Froito desta sinerxía naceu a ‘I Xornada galega sobre protección e defensoría de mulleres defensoras de dereitos humanos’ que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados e que serviu para profundar no desenvolvemento dun Programa Galego de Protección Integral Feminista a Defensoras de Dereitos Humanos a partir das necesidades e capacidades do sector.

A xornada iniciouse con dúas intervencións de defensoras: María Martín, representante da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, e Haydee Castillo, activista nicaraguana. As súas testemuñas achegaron a violencia exercida contra as defensoras dos dereitos humanos en América Central, e como a Protección Integral Feminista (PIF) pode dar resposta aos grandes retos que enfrontan. Doutra banda, Javier Roura presentou Protect Defenders, mecanismo das e dos defensores dos dereitos humanos da Unión Europea, programa dirixido por un consorcio de doce ONG activas no ámbito dos dereitos humanos.

Para rematar a mañá, unha mesa sobre programas de protección no resto do territorio español achegou a experiencia de iniciativas de éxito: un dos máis antigos a nivel estatal, o Programa Asturiano de Atención a Vítimas da Violencia en Colombia (Javier Arjona), o Programa Vasco de Protección Temporal de Defensoras e Defensores de DDHH (Leire Lasa) e o recente Programa Valenciano de Protección Integral e Acollida de Defensores e Defensoras de DDHH (Angela Pedraza).

A USC a través do plan de Desenvolvemento Sostible traballa a prol da consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todas as súas dimensións: as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as parzarías. Ademais, as universidades galegas forman a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) financiada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Esta iniciativa foi posible grazas ao apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.
Universidade de Santiago de Compostela