Skip to main content

A UDC organiza unha xornada para afondar sobre a investigación galega no eido da transición dixital na cultura e o patrimonio

A xornada ten por obxecto a posta en común das diferentes capacidades dos grupos de investigación do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía galego no eido da transición dixital na cultura e o patrimonio, así como a identificación dos retos e oportunidades aos que facer fronte.

O evento, que dará comezo ás 9:30 horas, contará na súa conferencia inaugural con Sander Münster, profesor de Humanidades Dixitais na Universidade Friedrich Schiller de Jena (Alemaña). Durante a súa presentación, falará sobre as perspectivas dos seus proxectos de investigación e afondará sobre as tendencias e desafíos actuais do emprego das tecnoloxías 3D para a investigación e a educación en humanidades.

A continuación, a axenda inclúe a participación de diversos investigadores do CSIC, CESGA e das tres universidades galegas que presentarán os seus proxectos de investigación relacionados coa cultura dixital.

O evento finalizarás ás 15:00 horas tras uns petiscos networking, xa que o encontro ten unha forte compoñente de relación e coñecemento mutuo tanto no eido do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía galego, como co sector produtivo galego. Así, asistirán tamén destacados representantes dos clúster TIC, Audiovisual e de Turismo de xeito que poida dar lugar a formulación de propostas público-privadas.

Trátase dun evento aberto; as persoas interesadas en asistiren deberán formalizar a súa inscrición antes do día 20 de abril mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo xornada.culturadixital@udc.gal
Universidade da Coruña