Literatura, fotografía e artes performativas e contemporáneas enchen de cultura o espazo expositivo da UDC, Normal

Artes performativas:
“De cuerpos ausentes”, conferencia de Maite Garbayo Maeztu. Xoves 9 de xuño ás 19:30 horas na Sala Cubo de NORMAL. A conferencia de Maite Garbayo Maeztu deriva dun ensaio seu que reflexiona sobre algunhas das primeiras performances que se fixeron nos anos setenta no Estado Español e as ocupacións das rúas por parte do activismo feminista. Fronte ao ideal de presenza e transparencia de significados herdado da modernidade liberal, artistas como Dorothée Selz, Fina Miralles e Olga L. Pijoan puxeron en marcha veladuras, ocultacións e trocos que convidan a ir máis aló da visualidade. Maite Garbayo Maeztu (Pamplona, 1980) é profesora Serra-Húnter no departamento de Historia da Arte da Universidade de Barcelona e directora académica do Máster en Prácticas Artísticas e Estudos Culturais: corpo, afectos territorio (UPNA, UPV e CACH). Doutora en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco e mestra en Historia da Arte pola Universidade Nacional Autónoma de México. Anteriormente ocupou unha praza de académica no Departamento de Arte da Universidade Iberoamericana (México), e foi investigadora posdoutoral no Instituto de Investigacións Estéticas da UNAM. En 2016 publicou o seu primeiro libro, Corpos que aparecen, performance e feminismos no tardofranquismo (Consonni, 2ª edición 2019). Ten publicado numerosos artigos e capítulos de libro, e comisariado diversas exposicións. As súas principais liñas de investigación son: a arte contemporánea e os feminismos en España e Latinoamérica e os estudos de performance.
“Leçons du vendredi”, performance de María Roja e Vanesa Varela. Venres 10 de xuño ás 19:30 horas na Sala Almacén de NORMAL.
Sinopse
Nalgunhas casas comezaron a verse actos de sabotaxe desorganizados. Inicialmente, tratábase dunha lixeira melancolía que remataba nunha pota de comida queimada ou nunha camisa mal pasada a ferro, aínda que ás veces, incomprensiblemente, toda a vaixela acababa destruída en anacos no chan.
Somatización é unha palabra que anula toda unha serie de saberes e aprendizaxes dos corpos. Establece, unha vez máis, a mente como un elemento autónomo que, en ocasións, produce alteracións fisiolóxicas ao exercer o seu poder sobre a carne. Sóese substituír “somatización” por “histeria”. Histeria, como materia que ofrece alivio ao sufrimento emocional, como ruptura do corpo individual cara a protesta colectiva, como engano ante a disciplina e o implacable poder psiquiátrico. Histeria, como xeito físico de enfrontarse ao mundo, que se le nos corpos alleos e se escribe no propio, nunha solidariedade non verbal. HISTERIA! como berro inaugural das leccións dos venres.
Cabria para NORMAL, ata o 15 de xullo
A exposición “Cabria para Normal”, de Diego Vites e comisariada por Ángel Calvo Ulloa é prorrogada e poderá ser visitada na Sala de Exposicións de NORMAL ata ao día 15 de xullo.
Cabria para NORMAL é unha proposta para a cal, emulando as cabrias de Muxía, Diego Vites propón ocupar cunha grande estrutura de madeira a case totalidade do espazo expositivo de NORMAL, converténdoo nun lugar para a experimentación, nun proxecto que abordado desde diferentes disciplinas ten como obxectivo a análise e a observación das formas, dos materiais, dos movementos e dos usos que se dan nese proceso artesán para trasladalos ao eido da arte contemporánea. Cabria para NORMAL pénsase desde a fraxilidade do momento actual, un instante en que a etiqueta do popular toma direccións contraditorias, que desactivan para o pobo o valor da filiación cos seus sinais de identidade, desembocando nunha deriva folclorizante que promove a esaxeración dos rituais propios.
“Secando”, conferencia de Carlos Quintáns. Actividade paralela á exposición “Cabria para Normal”. Mércores 22 de xuño ás 19:30 horas na Sala Cubo de NORMAL.
Universidade da Coruña