O Foro Económico de Galicia analiza o futuro da agricultura ecolóxica en Galicia no marco do Pacto Verde Europeo

Visións do público e do privado
A xornada, titulada O futuro da agricultura ecolóxica en Galicia no marco do Pacto Verde Europeo, foi inaugurada por Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia, e contou ao longo da mañá con tres relatorios. O primeiro, titulado Situación e retos da produción ecolóxica en Galicia no marco do Pacto Verde: temas de debate, contou coa participación do profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, de Mar Pérez e David Soto. Se a primeira se centrou no futuro da gandería ecolóxica en Galicia o segundo apuntou datos como que en “España o 53% da poboación consume produtos de agricultura ecolóxicos, sendo na UE a media do 83%”.
A segunda intervención foi ofrecida, de xeito virtual, por Ricard Ramon i Sumoy, da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, que falou sobre a produción ecolóxica no contexto das novas estratexias da UE. Entre outros aspectos, destacou na súa intervención que a UE aspira a que un 25% do cultivo sexa ecolóxico, fronte ao 8% actual. A última conferencia da mañá centrouse na produción galega, na realidade actual e perspectivas da agricultura e gandería ecolóxicas en Galicia, contando coas intervencións de Javier García, do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA); Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza, e Jorge Piñeiro, do FOGGA-Consellería do Medio Rural.
Pola tarde, escoitaranse as diferentes visións dos actores do sector sobre a situación actual e as perspectivas de futuro. Para iso, o Foro Económico de Galicia convidou a participar a Emilio Rial, de Coren; Xosé Luis Carreira, de Arqueixal; Román Sánchez, de A Carqueixa; Xosé Lois Lamazares, de Daveiga, e Cándido Martínez, da Cooperativa Árbore.
Universidade de Vigo