Skip to main content

O proxecto ASHES, da USC, estudará os efectos na saúde humana da erupción do volcán de Cumbre Vieja

A análise do impacto da erupción de Cumbre Vieja, na Palma, impulsada pola Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), centrarase no impacto que este suceso está a ter na saúde de máis de 2.000 persoas da illa durante os próximos cinco anos.

“O proxecto ASHES alberga tres grandes obxectivos relacionados coa saúde respiratoria da poboación exposta á erupción volcánica da Palma que requirirá a realización de tres estudos para determinar que impacto ocasionou sobre a poboación adulta, a poboación infantil e sobre pacientes respiratorios nun estudo de cohortes que terá un seguimento a cinco anos”, explica o profesor Ruano, investigador principal do estudo, membro de SEPAR, e catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, cunha dilatada experiencia en epidemioloxía ambiental.

Para poñer en funcionamento o estudo, constituíuse un grupo de expertos interdisciplinario con profesionais que posuísen experiencia investigadora nas diferentes facetas das enfermidades respiratorias, deseño de estudos epidemiolóxicos e na análise de compostos tóxicos volátiles. O grupo conta con 20 profesionais especialistas en enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), asma, patoloxía intersticial, enfermidades ocupacionais e ambientais, ademais de epidemiólogos e coa colaboración do Centro Nacional de Sanidade Ambiental. Ademais, deseñouse un protocolo de investigación que foi aprobado polo Comité Ético de Investigación Clínica de Tenerife en febreiro deste ano, “tras celebrar varias reunións telemáticas nun tempo récord”, lembra o profesor Ruano.

Acordouse tamén que os investigadores principais deste estudo fosen o profesor Alberto Ruano Raviña, xunto coa doutora Valle Velasco, neumóloga pediátrica do Hospital Universitario de Canarias-Tenerife; e David Díaz Pérez, enfermeiro especialista en patoloxía respiratoria do Hospital Universitario Nosa Señora da Candelaria e coordinador da área de enfermería respiratoria de SEPAR.

Deseño e obxectivos do estudo

ASHES pretende incluír a máis de 2.000 participantes en total e ser un fito na análise dos efectos das erupcións volcánicas na poboación xeral, xa que será o máis ambicioso deseñado ata a data, tanto polo número de participantes como pola medición de parámetros e por tempo de seguimento, que será de cinco anos. Implicará a realización dun cuestionario a todos as persoas que integren o estudo, ás que tamén se someterá a probas de función respiratoria e á obtención de mostras biolóxicas para determinar marcadores de exposición aos produtos da erupción volcánica.

Este estudo ten un deseño epidemiolóxico moi coidado e pretende formar catro grupos de investigación diferenciados: persoas moi expostas para o efecto da erupción volcánica, con dous subgrupos, persoas con acceso á zona de exclusión e persoas dedicadas profesionalmente á recollida de cinza volcánica; poboación xeral que residiu na zona máis próxima á erupción, a cal será comparada con poboación que reside na zona da Illa da Palma máis afastada do territorio eruptivo; poboación pediátrica que residiu na zona máis próxima á erupción, comparada fronte a nenos residentes na zona máis afastada da zona eruptiva; e enfermos de patoloxía respiratoria como a EPOC, asma ou patoloxía intersticial difusa, diagnosticados previamente á erupción volcánica, nos que se comparará o efecto da devandita erupción cos seus valores clínicos antes da mesma.

Con este deseño, os e as investigadoras deste proxecto consideran que “o estudo ASHES achegará un coñecemento científico moi valioso, xerando a mellor evidencia científica ata a data, sobre o efecto das erupcións na saúde humana e tamén sobre o tipo de medidas que se deberían adoptar baseándose no seu efecto ante posibles erupcións futuras”, conclúe o profesor Ruano.
Universidade de Santiago de Compostela