20 anos dando visibilidade ás investigacións educativas desde a UVigo
Crecendo en impacto e visibilidade
Despois de ter que agardar a 2005 para poder publicar un segundo volume, xa que, por aquel entón, “apenas chegaban artigos”, a revista recibe actualmente “entre 50 e 60 artigos por ano”, dos que pouco máis do 20% rematan publicándose finalmente, o que pon de relevo, como sinala o seu editor xefe, “que o filtrado de calidade é bastante arduo”. Coa súa conversión nunha revista dixital, “que contribuíu a unha maior e máis eficaz difusión” e grazas á “implicación de todos os membros do comité editorial”, recoñece Pazo Labrador, a publicación deu un “salto cualitativo” que fixo posible que en 2019 pasase a ser indexada en Scopus. Isto, como salienta o profesor do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, supuxo “mellorar o seu impacto e visibilidade, porque o número de citas internacionais aumenta e iso indica que a revista está inserida cada vez con máis solidez no circuíto científico internacional”, á vez que sirve tamén, engade, para “a proxección á facultade”. Por outra banda, a revista atópase tamén “nos ránkings de Scimago Journal Rank (SJR) e, desde o ano pasado, no CiteScore do propio Scopus”, polo de agora “en posicións modestas, pero con tendencia á mellora”, sinala o seu coordinador. Incluída no portal de revistas electrónicas de acceso aberto do Servizo de Publicacións da UVigo, esta publicación incorporarase previamente, en 2015, ao índice ESCI (Emerging Sources Citation Index), da Web of Science.
Avanzar no camiño da consolidación
Como lembra Pazo Labrador, a Revista de Investigación en Educación leva anos cumprindo “todos os requisitos necesarios” para entrar a formar parte destes índices, como a “puntualidade na publicación dos números, homoxeneidade nas citas bibliográficas, normas éticas e de boas prácticas”, ou a avaliación por pares cega”, por parte dun comité científico integrado por preto de 70 investigadores e investigadoras de nove países, así como cumprindo “o compromiso editorial de ofrecer un produto científico de calidade que fomente o debate e a reflexión”. De cara ao futuro, o seu editor xefe sinala que a revista manterá a idea coa que naceu, a de pór o foco na investigación ligada á educación e á didáctica desde múltiples perspectivas. “O campo das disciplinas que, directa ou indirectamente, poden centrarse en investigacións educativas ou na transposición didáctica do coñecemento disciplinar é moi amplo”, salienta. Nese marco, o obxectivo de futuro, engade, é o de “seguir consolidándonos como un foro de referencia e incrementar o impacto e as citas, algo fundamental na consideración da importancia dunha revista científica, máis que o volume de artigos que poidan publicarse en cada número”.
Do mesmo xeito, o equipo responsable da publicación tamén avoga por manter a súa actual periodicidade dun volume anual con varios números. Este adoptouse en 2011, despois da publicación de dous volumes en 2010, e actualmente os números ordinarios ven a luz cada ano en abril e outubro. “É un formato bastante operativo, que posibilita unha maior circulación de artigos”, salienta Pazo, que destaca nese senso o “labor incansable” do director técnico da revista, o profesor Uxío Pérez. Así mesmo, en tres ocasións incorporouse un terceiro número, de carácter monográfico, como o que actualmente se prepara para este 2022. “Pretendemos seguir explorando esta vía, que é moi produtiva, ao potenciar a visibilidade e o impacto internacional da revista, pois as achegas que se reciben son de elevada calidade”, salienta o editor xefe, que destaca nese senso o labor das catedráticas Ángeles Parrilla e Francisca Fariña como coordinadoras dos monográficos publicados en 2013 e 2019, aos que se sumou en 2020 o dedicado a recoller algúns dos estudos presentados no oitavo International Congress of Educational Sciences and Development.
Universidade de Vigo