A USC promove unhas xornadas sobre o papel da educación en xénero fronte á pornografía e ás violencias sexuais

A Facultade de Ciencias da Educación da USC no Campus Sur acollerá estas xornadas cuxa inauguración contará coa presenza de Antonio López, reitor da USC; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade de Santiago de Compostela; Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación; Teresa Moure, directora do CIFEX; e Rita Mª Radl Philipp, directora da actividade.
Especialmente dirixidas ás futuras e futuros profesionais do ámbito da educación, as xornadas están tamén abertas ás entidades que traballan a prol da igualdade, e a todo tipo de persoas interesadas nesta temática e na súa aplicación no ámbito comunitario, social e político do contexto autonómico, estatal e internacional.
A asistencia ten carácter gratuíto e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 7 de setembro, enviando cuberto o formulario de inscrición ao equipo organizador. O programa completo do evento está dispoñible na web da USC.
Universidade de Santiago de Compostela