UVigo acollerá en 2023 o maior evento europeo de sistemas de información en educación superior

“O congreso EUNIS é o maior evento de Europa na temática de sistemas de información en educación superior e a UVigo decidiu organizar a edición do 2023 para apoiar a súa estratexia de internacionalización”, sinalan López Nores e Pazos, que tamén destacan, que nun momento no que a Universidade de Vigo se atopa en plena transformación dixital, “resulta conveniente familiarizarse coas experiencias doutras universidades punteiras da nosa contorna con situacións e necesidades similares”. A delegación de EUNIS que durante dous días perfilará en Vigo os detalles do congreso do vindeiro ano, está encabezada polo seu presidente Raimund Vogl e a súa vicepresidenta, Carmen Díaz, xefa de produto de SIGMA, agrupación sen ánimo de lucro, que se centra en axudar ás institucións de educación superior a optimizar a súa xestión con tecnoloxías da información, achegando solución para a xestión académica, docencia e investigación.
Unha previsión de participación de máis de 200 persoas
Ao longo dos tres días que durará a o congreso EUNIS 2023 está a prevista a participación de máis de 200 persoas chegadas de diferentes países europeos, que tomarán parte nas sesións que se celebrarán no auditorio Mar de Vigo e nas que se abordará un amplo abano de temáticas que se pecharán nas reunións que hoxe e mañá se celebran en Vigo. ”Así mesmo, nas xuntanzas desta semana abordaranse cuestións administrativas e organizativas como patrocinios, estratexias de comunicación ou visitas á sede do congreso; así como temas técnico-científicos, como o programa, poñentes, invitados ou eventos satélite” enumeran os responsables do comité organizador.
Formada en 1993 e rexistrada como unha organización sen fins de lucro en 1998, EUNIS reúne as persoas responsables da xestión, desenvolvemento e política de tecnoloxías da información na educación superior europea e o seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento de sistemas de información de alta calidade. As principais accións impulsadas polo European University Information Systems son o fomento do intercambio, a cooperación e debates entre os responsables dos sistemas de información da educación superior ou institutos e organizacións dentro de Europa; así como establecer relacións con organismos de supervisión a cargo dos sistemas de información en educación superior e nos institutos de investigación superior en cada país, así como a nivel europeo.
Universidade de Vigo